Entrevista | Miguel Anxo Fernández «Luar no inferno» é o segundo título das andainas do detective ianqui galaico Soutelo. Este serán, ve a luz na adega Martín Códax, en Cambados
19 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.? hora, as oito e media do serán. O lugar, Martín Códax. Unha adega. O sitio perfecto para que un detective como Frank Soutelo faga das súas. -Seica este home, o amigo Frank, ten vencellos con Cambados... -Ten, ten. El é nacido en Nova York, pero os seus pais son de Soutelo de Montes e Muros. Traballa en Los Ángeles, e alí hai un restaurante, O Peirao, que leva Beni, moi amigo de Frank, que é de Cambados. Presentamos o libro en Martín Códax porque Frank, que está a investigar un caso de snuff movies leva ao restaurante a dous tipos do FBI. E piden un Organistrum . Nada menos, para uns fulanos, os norteamericanos, que na vida probaron un albariño, e menos un Organistrum . -Vaia, outro detective amigo da gastronomía. -Ben, temos que ter claro que esta é unha parodia. Coido que se leva escrita demasiada novela negra moi seria. Ti dirasme que a Carvalho tamén lle interesa a comida. Pero o meu detective non cociña, a el o que lle gusta é comer e beber, e que llo dean feito. Fai, digámolo así, militancia da cociña galega. O Beni prepara ostras, vieiras, que loxicamente non pode conseguir na ría, así que fai o que pode co que atopa no Pacífico. Tamén polbo á feira, aínda que é un pouco máis pequeno. -Ben, xa que logo está máis perto do Nirvardo Castro de «Crime en Compostela». -Teño que confesar que, dende hai algúns anos, procuro non ler nada dos outros detectives galegos. Non por desprezo, onde vai, senón para non comparar, para evitar contaminacións. Hai que dicir, iso si, que a novela policiaca vive en Galicia un bo momento. Eu reivindico unha novela de xénero, que nun país como o noso é moi necesaria. Non todo pode ser literatura de altura. Eu trato de contribuír a que a xente o pase ben. E, como xa dixen algunha vez, se o pasan mal, que me boten o libro á cabeza. -Frank, iso está claro, é un fulano retranqueiro. -É. El emprega a retranca galega, que peta moi de fronte co carácter ianqui. A literatura de detectives tómase demasiado en serio. Estamos afeitos a detectives perdedores, solitarios, bebedores... Coido que fai falla outro tipo de investigadores. Este Frank, este detective, é un fodenchas, procura non disparar demasiado e, dende logo, se pode evitar unha malleira, non a leva. Ten unha secretaria, Paz Pérez, que é neta de lucenses e está toliña por el... pero nada de nada. -Tipo Mike Hammer, que tanto castigaba a aquelas loiras neumáticas da tele. -Non, non, Mike Hammer era moito máis violento, con el morría a xente a ducias. Chandler, Hammet, se cadra Marlowe.. Esa ironía é a referencia. A miña ironía ten unha raíz máis cinematográfica. De feito, moitos diálogos están sacados de películas. -¿Hai pe a unha triloxía de Soutelo? -De feito, estou corrixindo a terceira novela. Con ela poñeremos fin á triloxía norteamericana. Xa temos título: Tres disparos e dous friames. -¿E despois? -A idea é que, na cuarta, Frank veña a Galicia. Algo normal, posto que vén de cando en vez. Frank resposta a un modelo real, a miña madriña. Os seus pais eran de Vigo e Ourense, aínda que ela é norteamericana de nacemento. Sempre tivo moita querenza polo galego; basicamente polo seu pai, que lla inculcou. A tía avoa de Frank vive en Muros... Así que, se cadra, teremos outras tres aventuras máis. Se Galaxia non se farta e eu chego ata alá sen esganarme, claro. -¿Leremos a Frank pasear pola ría? -Con toda seguridade. Será na cuarta novela. Pero non caendo no tópico do narcotráfico ou o contrabando. Creo que será un asunto relacionado coa dopaxe de cabalos.