Non che dou para tanto

AROUSA

AREOSO | O |

15 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

PODE parecer recorrente, de feito é recorrente, botar man das vivencias da infancia para encher esta columna, pero é que non che dou para tanto. Xa que logo, velaí vou. Esta vai dos meus problemas para aprender a dividir por dous. Non había xeito que me entrara na cabeza esa operación e iso era algo que me sorprendía tanto a min como aos que estaban ao meu carón. Nin eu nin os amigos -todos eles xa dominaban ese punto das matemáticas- podiamos explicar o misterio. Eu non era nada parvo para os números, como puiden comprobar despois, e a cousa érache toda unha incógnita. Din pronto cunha teoría: o día que a profesora explicou por primeira vez a lección eu non fun ao colexio. E aínda que a mestra repetía sempre a lección do mesmo xeito, e a min non me daba entrado nos miolos, eu tiña claro que o problema fora aquel famoso día no que me perdera a explicación. Por fin, un día debín aprender a dividir, pero curiosamente dese momento non me lembro. Agora tamén me pasan situacións parecidas. O meu entendemento non da para máis. Ultimamente, por exemplo, estou a ver si dou coa solución desta regra de tres: hai unha xente, chamémoslle «X», que di que ten como principal obxectivo defender a ría da contaminación que a ameaza. Hai unhas empresas, poñámoslle «Y», que segundo as análises, contaminan a ría cos seus verquidos. A conclusión debería ser clara: «X» denuncia a actitude de «Y». Pois non. Xa non é que non os denuncien. O incrible é que os «X» mostraron publicamente o seu apoio aos «Y». Xa digo que non che dou para tanto. Debe haber algún parámetro que se me escapa. ¿Ou non se trataba de defender a ría? Había un refrán escatolóxico sobre os cheiros propios e alleos, pero tampouco me lembro. Se cadra aí está a clave.