CON GOTAS | O |

05 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

QUE marche Hamlet a procurar minchas nas praias dinamarquesas e esqueza esas teimas súas, que se ser ou non ser, que se patatín, que se patatán. Aquí o sentido da vida non reside nesas caralladas, senón en dilucidar o feito fundamental de se o director xeral de Obras Públicas era ou non era o responsable en tempos de don Manuel da borrallenta e impresentable Vía do Salnés. O tema debe de ser importante, cando a única e máis votada forza da oposición dedica os esforzos de tres departamentos distintos a proclamar o mesmo que, o día anterior, sinalaba xa o vicepresidente cultural da Deputación de Pontevedra, que os problemas de caída en picado que sofre a chapuceira estrada danse no tramo que se está a duplicar, e o que horas antes afirmaba o propio Louzán: a identidade, elevada a metafísica cuestión, entre o anterior e o actual facedor de que aquela vía sexa realmente rápida en todo o que se refire a furados. Iso, e se hai marchiña logo da morte, manteñen ao ser humano en vilo dende a noite dos tempos. A teimuda gaivota sostén, con xusta indignación, que a meirande parte dos técnicos que traballan na Consellería de Obras Públicas xa o facían cando eles gobernaban. Moi ben, haberá que felicitalos, pois, por ter tan boa man á hora de contratar aos mellores profesionais do país e parte do estranxeiro, o mesmo que haberá que lle dar todos os parabéns do mundo aos seus sucesores, de rosa e estrela, por manter nos seus cargos a tan excelentes individuos e mellores persoas. O resultado de tanta reflexión velaí está: a arteria principal da bisbarra pechada cinco meses por defunción. Xa que estamos nesta arela revisionista, alguén podería aproveitar a arroutada e explicarnos a todos por que fixeron unha estrada, non para artellar unha comarca, senón para que os amiguetes fosen tomar un albariño a Sanxenxo, trazando ademais un xeroglífico de rotondas indescifrables.