A Big-Band actuará mañá no centro multiusos de Mosteiro O Concello preparou unha completa variedade de actos para o mes de decembro
23 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.? Concello de Meis preparou unha completa variedade de actos de cara ao vindeiro Nadal. Mañá sábado, os habitantes desta localidade terán xa a oportunidade de gozar dun anticipo. Trátase dun concerto de jazz latino a cargo da Big-Band Deputación de Ourense. Esta actividade, que comezará ás nove da noite no centro multiusos de Mosteiro, está patrocinado por Caixanova. As actividades continuarán o 3 de decembro co espectáculo de maxia Rey Midas. Neste caso será ás seis da tarde, aínda que o escenario será tamén o edificio multiusos. Baile, moita música, e diversión, serán os eixos arredor dos que xire a programación do Concello de Meis. Así, a escola de danza La Saleta e o grupo folclórico O Trevo organizarán un festival de ballet e baile rexional. Será o 10 de decembro as seis da tarde. E según se vaian acercando as datas do Nadal, as actividades que teñen que ver coas festas irán tomando protagonismo. Xa o día 17 haberá un festival de coros do municipio, organizado polo coro Os Muíños de Armenteira. As cantigas propias destas datas do ano protagonizarán a actuación das agrupacións locais. Outro concerto navideño haberá o día 22. Neste caso estará a cargo da banda de escola municipal de Meis. Os músicos comezarán o seu espectáculo ás nove da noite. Sen dúbida, será unha boa forma de alegrar a noite se a lotaría do Nadal decide esquencer a Meis no seu reparto de sorte. Vén Papá Noel Xa o día 23 chegará, como non podía ser doutro xeito, Papá Noel. Ás oito da tarde estará no multiusos para sortear regalos entre tódolos rapaces do concello que se acheguen a velo. Ademais, non virá só. Con él chegará un bo grupo de paiasos dispostos a facer pasar unha miga agradable a todo aquel que se achegue a presenciar o espectáculo. A programación dará un respiro na Noiteboa e no Nadal, que son días para permanecer en familia. Pero o 29 volverán as propostas preparadas pola Concellería de Cultura. Neste caso actuará o grupo Expresión Contacontos. Será ás oito e media da tarde, coma sempre no multiusos. Tamén haberá música de banda. Será esta a que despida o ano cultural do municipio de Meis. A banda A Vertula de Paradela será a encargada de dar este concerto de fin de ano o día 30 a partir das oito e media da tarde. E para finalizar a programación de Nadal, por suposto, non pode faltar a cabalgata de reis. O día 5, no pavillón, organizarase este desfile dos Magos, que se completará coa escenificación dun nacemento. Con esta aposta polos actos tradicionais cerrarase o programa de actos que Meis organizou para que nenos e maiores se divirtan nestas datas.