Xiabre encolle

AROUSA

AREOSO | O |

22 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

OS AEROXENERADORES de Xiabre téñenme o corazón partío . Os muíños de vento -a acepción ten reminiscencias quixotescas pero, se cadra como a vostede, gústame máis- xa asoman polo monte garbosos. De camiño a Vilagarcía, polo norte, polo sur, polo leste ou desde a Arousa. Alí están os garabullos metálicos coas aspas pintados por Xurxo Alonso. Antes só eran os do Barbanza, que desde esta outra banda do mar déixanse ver con nitidez os días despexados sen néboas nin choiva. Agora tamén os temos ao fondo da ría e non tardaremos en velos presidindo as terras do Salnés desde o Castrove. É a enerxía eólica, unha das enerxías alternativas ou tamén chamadas renovables que tan necesarias se nos fan xa. A previsión da Consellería de Industria é que no ano 2012 este tipo de enerxías (eólica, hidroeléctrica, fotovoltaica e biomasa) deberá cubrir o 95% da demanda galega. Os combustibles fósiles esgótanse así que faltan fan os aeroxeneradores e calquera outra infraestrutura que sirva para perder a dependencia do petróleo. Supoño que non queda outra. Así o indica o meu lado máis pragmático e, se queren, máis concienciado co medio ambiente. Pero a miña memoria sentimental e o sentido da vista non acaban de reconciliarse cos aparatos estes que despuntan sobre os montes. A primeira vez que estiven nun parque eólico, alá polo Xistral, quedei impresionada do soberbios que son estes artefactos espigados. Prodixios da técnica que, por outra banda, non deixan de ser revisións dun invento moi vello dos que por Catoira temos unha boa testemuña. Nas terras vikingas xa descubriron hai moitos séculos que era unha mágoa non sacarlle proveito aos ventos que chegan do mar polo Ulla arriba. Todo volve e todo se acaba. O parque eólico empeza a mirarlle por riba do ombreiro ao cume de Xiabre e xa manda sobre a ría. Semella que o monte encollera.