CON GOTAS | O |
17 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.HAI cuestións que deberían quedar á marxe do conchabeo partidista. Por decencia, por un mínimo de conciencia, porque, xa o dicía Castelao, certas cousas séntense no corazón, non no bandullo. Logo da desafortunada intervención de Rajoy, restándolle creto na súa propia casa ao que aplaude na do veciño -xa saben, Andalucía realidade nacional, Galicia nin se sabe-, tanto PSOE como BNG bótanse con ledicia ao pescozo de Núñez Feijoo, que comete o seu primeiro grande erro nun proceso, o da renovación do Estatuto, que ata agora semellaba ter ben controlado. De calquera xeito, é improbable que este esvarón preocupe na Nécora, posto que, nesta esquina, a definición identitaria apenas se reflicte en réditos electorais. Existe, porén, outro eido na que a postura do líder popular reviste extraordinaria gravidade: a lingua. O galego, a fala, é un deses temas que esixe un compromiso unánime alén das liortas políticas de turno. E o feito de lle negar a mesma calidade legal que ostenta o castelán constitúe, simple e directamente, un suicidio sociocultural sen precedentes. Coñecer o castelán é un dereito, pero tamén unha obriga. Coñecer o galego é tan só un dereito. É dicir, confíase o futuro da lingua do país ao bretemoso terreo da actuación individual, sempre exposta a condicionamentos de todo tipo, mentres o castelán fica sancionado polo máis elevado construto colectivo que unha sociedade pode darse a si mesma: a lei. Nesta asimetría, non será difícil albiscar cal das teóricas linguas cooficiais vai quedar polo camiño. Unha hai que pelexala a diario, a outra corre sobre mil rodas. Non deixa de ser curioso que quen tanto censura a eutanasia promova unha automorte lingüística de semellante calibre. Non debería haber medo a equiparar galego e castelán, sempre coas debidas ferramentas que garantan a ausencia de discriminacións. Se non somos nós, ¿quen o vai facer? ¿Os alemáns?