AREOSO | O |
14 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.ESTABA por escribir de presuntos mentireiros e de losabajofirmantes, pero non paga a pena porque xa todos nos coñecemos a estas alturas da película (para isto, o mellor e recordar ao mítico que dixo que a todo o mundo lle encanta saír na prensa ata que ten que saír). Ao tema, que compre fuxir do atasco porque non está o asunto para trapalladas. Un xa tiña pistas de que andaban a axexar. Home, a estas alturas é o normal, pero o clima tropical que andou de troula con nós, facía barrenar en todo menos niso. A quen se lle conte, a vinte grados en pleno novembro. E hoxe, a chover. Non hai dios que entenda o tempo. De súpeto, vino. Atravesaba eu un paso de peóns e alí estaba el. En fronte a min. A vinte grados e ata arriba de roupa. Alí estaba, si, coma sempre. Coa saca esa que non se sabe si che vai dar con ela na testa cando pases ao seu carón. Por el non pasan os anos. Está sempre igual. Cunha expresión que non se sabe si sorrí de verdade ou si se está a rir dun. Por riba, este non pasou nunca pola mítica corporación. Na altura os que o ven non se poñen de acordo, pero a súa van non é de abella e aí si a opinión é unánime. O caso é que aí estaba. De novo. Case que ameazante: «Este ano ídes de cu. Veño con máis espírito do Nadal que nunca. Miñas donas, meus señores, vaian afrouxando o moedeiro, que se achega a miña resurrección de cada ano». Foi a primeira vez que o vin. Haberá dúas semanas diso. Agora seguro que xa comezaron a súa irrupción. Por todos os recunchos. Coma as lagostas. Érgueste unha mañá, e aí os tes. No balcón do veciño. Colgado, que non sabes si quererá subir ou baixar. Debe ser iso o único que ten de galego a personaxe: a marabillosa indefinición que nos une aos galegos e que salva aos políticos que nos asolagan (que doutro xeito era para matalos a todos). Que diría Castelao de todo isto?