O meu canciño, o meu veciño

| SERXIO GONZÁLEZ |

AROUSA

CINCO canciños abandonados nunha horta en Cambados atopan quen lles dea acubillo en apenas 24 horas. Abonda con que o seu triste retrato salte aos papeis. Un fulano agarra unha tranca de ferro, agarda agachado atrás dunhas matogueiras, e pega un chimpo bourando para partirlle a crisma ao patrón maior. Ás 24 horas non hai nin paz, nin lerias, nin acubillo ningún, senón ruído e ruído mediático. Que se fun por el porque eles me queren fóra do choio, que se a agrupación, que se as concesións, que se patatín, que se patatán. Ao cabo, como nas Inglaterras, tratamos mellor á mascota que ao veciño. Choramos de mágoa polos cachorriños orfos e afogamos coa xenreira ao ver a foto do compadre. ¿É que non hai camiño medio entre aquel Dickens canino e esta especie de Steven Seagal á brava? Sómosche de raza loba, chico.