Lixo humano

| SERXIO GONZÁLEZ |

AROUSA

CONTA Sabina, nesa entrevista biográfica publicada baixo o título En carne viva , retirada dos andeis por problemas editoriais -o outro, o do chiste real, ten tomate pero pouca sustancia-, que unha noite, a última, o seu pai espertou de súpeto no seu leito hospitalario para formular un dos grandes misterios do noso tempo: «¿De dónde sacarán las diputaciones tanto dinero?». Foron as súas derradeiras palabras. Sobre Cambados pendura, dende hai un tempo, outra interrogante igualmente bretemosa: ¿Que desfeita humana é quen de atopar pracer en esnaquizar un can mallando nel ata a morte, ou ceibarlle carne envelenada para ollar como se retorce? Semellante morralla non está moi lonxe das hienas que agochan a súa miseria atrás dunha pena para, cando o león eructa satisfeito e marcha, roer a grande enchente de carroña, o seu covarde banquete.