O espello máis quince anos

| SERXIO GONZÁLEZ |

AROUSA

AGORA que as resacas duran dous días, o espello devolve unha imaxe estraña nesa tremenda mañá seguinte. ¿Que demo pasou aquí, que a última vez que mirei tiña vinte anos? ¿De onde saíu esta cara redonda, de empanada con barba? Un descobre, abraiado, que leva xa vintetantos anos na barra fixa, no choio do vidro, na procura dunha noite eterna que sempre acaba vomitando os seus fillos a un amencer de migraña e lingua farrapenta. Que nin soubo nin saberá beber, que só bebe peor. O único que un aprende é a lamentalo polos desgraciados aos que lles cae enriba, a iso das catro da mañá, un fulano co punto de cocción polas nubes. Sobre todo por quen, levada polos misteriosos arcanos desa víscera chamada corazón, administra a desfeita cando pasa a treboada. ¿Por que saberá tan mal a gaseosa? Co ben que viría cambiarse ás clariñas...