«Os montes comunais en zonas de costa sofren invasións continuas»

Rosa Estévez
Rosa Estévez VILAGARCÍA

AROUSA

MARTINA MISER

Entrevista | Manuel Ochoa Recuperar o monte común usurpado, mantelo limpo e facer del un tesouro do que toda a parroquia se beneficie son os ambiciosos obxectivos do equipo de Ochoa

01 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Despois dunha etapa negra, marcada pola tensión e os enfrontamentos, a comunidade de montes de San Vicente iniciou un novo camiño cando Manuel Ochoa colleu o temón. O rumbo escollido parece gustarlle aos socios, que o acaban de referendar a Ochoa como presidente. -O primeiro obxectivo, o de «normalizar» a vida da comunidade, acadouse de sobra, ¿non? -Sí, home. O obxectivo conseguiuse. Levou o seu tempo, os trámites foron difíciles. Pero conseguiuse como nós queriamos: dentro da lei. -¿Que pasa na súa comunidade que sempre teñen que andar nos xulgados? -Os montes comunais de San Vicente, ou os de calquera outra zona próxima ao mar e tan golosa coma esta, sofren invasións permanentemente. E para solucionar ese problema só hai unha vía, que é a xudicial. E estamos tendo sorte, porque as cousas se están facendo ben argumentadas, dentro da lei. -¿Cando se perderon eses terreos? -Os terreos perdéronse antes de que a comunidade de montes existise. Cando esta se constituíu, coa documentación que existía, fóronse recuperando os montes comunais. -¿Agora xa non hai esa picaresca de mover o marco? -É como si faláramos dunha picaresca que ven de atrás, pero que agora se trata de formalizar cun peche ou algo polo estilo. Como para ver se a comunidade se planta. E claro que plantamos, pero cara. Por outro lado, tamén temos os procesos abertos para reclamar terreos que cando foi a clasificación de montes non lle foron adxudicados á comunidade. Temos catro procesos abertos deste estilo, polas parcelas de Baleela-Castriño, Lampáns, Castrolaxes e Seixeliño. -¿Ademais de recuperar montes, de que outras cousas poden presumir? -Do que podemos presumir máis é de rexenerar montes. Tratamos de recuperar os ocos das antigas canteiras. Nestes momentos temos dúas canteiras rexeneradas, dúas en proceso de rexeneración e unha máis que aínda está pendente, que é a Coviña do Inferno. En calquera caso, no tempo que correu adicámonos a rexenerar e limpar o monte. Limpamos todas as parcelas polo menos unha vez. -¿En que outras cousas andan a traballar? -Firmamos varios convenios de aluguer de parcelas, sempre preservando os dereitos da comunidade de montes. Temos unha espiña cravada, que é o pavillón de deportes das Vizocas. Nese tema temos un negativo, e grande, porque non fomos. quen de conseguir que ningunha administración puxera o que fai falla para rematar esa obra. Nós fixemos o que estaba na nosa man: puxemos todo enriba da mesa e fixemos a cesión que tiñamos que facer, pero non conseguimos facernos oír. E eso que falamos dunha obra que resultaría moi beneficiosa para o conxunto da parroquia pero tamén para os dous centros de ensino que hai ao seu carón. Agora, nesta nova andaina, imos voltar darlle un empurrón a este tema, que foi o noso cabalo de batalla. -Unha das características do seu mandato é a colaboración coas administracións. ¿Están satisfeitos co resultado desa política? -En todo momento, sempre e cando sexan cuestións interesantes para a parroquia, apoiaremos tanto ao Concello como a calquer outra administración. A colaboración deu os seus froitos, por exemplo, na zona de Moreiras, onde imos habilitar tres áreas de aparcamento no entorno das salazóns e unha senda que as una. E a colaboración tamén serviu na zona de Con da Hedra.