Reportaxe | O bo tempo encheu os camposantos de arousáns A dor está sempre presente no día de Todos os Santos, pero con bo tempo a xornada da para moito máis, para saudar aos veciños e parolar diante da tumba do avó
01 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.?os camposantos da comarca descansan en harmoniosa convivencia os ancestros das máis ilustres familias, rexedores de pasadas corporacións e heroes de diferentes guerras cos pobres daqueles tempos que realmente eran merecedores dese adxectivo. Agás enterros e datas sinaladas no calendario, agardan en aparente concordia polo día do xuízo final sen que os vivos os molesten. Ata que chega Defuntos, e se aínda por riba a xornada ven acompañada de bo tempo, como foi no día de onte, nos camposantos hai máis vivos que mortos. A data é sempre dolorosa, porque o recordo dos que xa non están na casa e aínda máis profundo que de cotío, pero se os mármores brilan coa solaina e ata apetece ir á fonte a encher o caldeiro de auga para limpar as tumbas, semella que a xornada se leva doutra maneira. Por iso onte o ambiente era realmente festivo nos camposantos da comarca cheos de fermosos e coloridos ramos de flores, e os arousáns aproveitaron para parolar cos veciños que marcharon fóra e aos que só hai ocasión de ver en días así sinalados. As mulleres estrean traxe, os homes agardar na porta da reixa fumando o pitillo diante do coche recén lavado e os nenos xogan entre as tumbas nas que saben que repousan os ósos dos bisavós que nunca coñeceron. Logo non queda máis que achegarse á confitería para mercar as larpeiradas propias destes días e descansar o resto do día. Os máis devotos e os que hai pouco perderon a un ser querido aínda van a misa pola tardiña; os demais aproveitan para dar un paseo ou achegarse ás praias. A cultura calé Os camposantos amosan tamén as diferencias culturais que conviven na comarca. A pegada das familias xitanas nos cemiterios é importante nos lugares onde hai asentamentos da raza calé. Vilagarcía e Cornazo son dous curiosos exemplos. No camposanto municipal de Rubiáns, ademais de contar con nichos nas zonas novas, os xitanos teñen un grande mauseleo de mármore á entrada, ao carón dos das máis importantes familias da sociedade vilagarciana. Alí, onte, mulleres enloitadas e ruidosos rapaces velaban polos defuntos que descansan en nichos cheos de fotografías, flores artificiais e adornos de plástico. Diante do mauseleo xuntaron uns vinte ramos de flores, e preto deles descansaban as mulleres sentadas nas cadeiras de praia que levan para a ocasión. O 1 de novembro rómpese nos camposantos o silencio característico dos cemiterios. Ata un teléfono móbil sonaba na mañán de onte dende unha tumba de Rubiáns. Non chamaba o morto, era dun dos netos que o esquecera mentras axudaba a limpar a tumba do avó. Ao final da xornada os camposantos da comarca semellaban un cadro impresionista cheo de cores, pero sen perder cada un deles a pegada dos pobos que os levantaron para dar descanso aos seus ancestros: o mar nos cemiterios mariñeiros de Bamio e Carril; a pedra e a historia en Santa Mariña Dozo e o carácter urbano e burgués do cemiterio de Vilagarcía, co camposanto á beira dos seus amigos os ingleses.