San Simón

| SERXIO GONZÁLEZ |

AROUSA

A IDEA non é de produción propia -quérese dicir que lla escoitei onte a un amigo- pero contén máis verdade que unha folla en branco. Se houbese que ir na procura dun santo milagreiro, de eficacia contrastada e fiabilidade alemá, no Salnés non habería dúbidas. Ese santiño infalible é San Simón. Resulta absolutamente alucinante que a clásica romaría de Baión, que semella deseñada para que Fernando Alonso roa no polbo sen baixar da máquina, non se teña cobrado arrolada automobilística ningunha, sobre todo cando cae a noite e sobe a gradación dos cacharros, trocando o viñazo por cubatas centígrados. Veña cheas criminais, veña tremendos andares de abalar entre estacionamentos pelados nunha estrada que supera os vinte mil vehículos diarios. E nin unha rabuñada, paisa. Isto éche protección da de verdade, e o de dúrex, unha coña.