O pombal O certame de Habaneras do Grove demostrou esta fin de semana o seu poderío. Malia a choiva e o vento, a carpa do Corgo encheuse de xente disposta a escoitar
23 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Choiva, vento, inundacións... Esta fin de semana o ceo abriuse e deixou caer sobre nós un inferno de auga. Malia o clima, desapacible e antipático, no Grove decidiron seguir adiante coa celebración do Certame de Habaneras. E fixeron ben: ao mal tempo hai que lle por sempre boa cara. Cheo ata a bandeira Tanto o sábado como o domingo, centos de persoas sacudíronse a preguiza do corpo, deixaron as súas confortables casas, e buscaron cobixo debaixo da carpa da Festa do Marisco. Todas as sillas alí dispostas foron ocupadas por unha marea de amantes da música coral, ansiosos por ver cómo se desenvolvían sobre o escenario o coros invitados. O vento, picado porque a xente o desafiara saíndo da casa, soplou e soplou e soplou, empeñado en tirar coa carpa. Pero esta estaba ben suxeita ao chan despois do susto de primeiros de outubro. O vento e a choiva fixeron barullo. Non se lles pode negar. Pero as voces dos integrantes dos coros puideron máis que a climatoloxía. Firmes sobre o escenario, os cantores esquecéronse do barullo que había ao seu redor e gañaron a batalla ao mal tempo. Como di o vello refrán: o espectáculo ten que continuar. Xurxo Souto ten un conto que se titula As Fontes de Compostela. Nel fala dos Peteras dos Belés e dos Estalotes, os dous mellores grupos de cantadores de Galicia. Di Souto que esas dúas bandas se atoparon un día en Santiago e iniciaron unha sana competición. E que a potencia das voces todas fixo que o ceo e a terra se abrisen ata convertir á capital de Galicia en mar. Esta fin de semana non fun capaz de sacar da cabeza a historia dos Peteras e dos Estalotes. E pensei que igual foi o poder das voces que resoaban no Grove o que fixo que o ceo se convertise en mar. Se fose así, a historia destas últimas riadas podería ter algo de fermoso. Por desgraza, o exceso de choiva, a falta de árbores nos montes calcinados, e o dano que dende hai anos lle facemos ao territorio son os responsables deste húmido inferno.