Na variedade volve a estar o gusto

Bea Costa
Bea Costa VILAGARCÍA

AROUSA

En directo | Inauguración da feira multisectorial de Fexdega, en Vilagarcía Díxoo Gago: «A gran virtude de Fexdega é que nos sobrevive a todos». A el tamén, que onte asistiu á súa última feira como alcalde. O salón seguirá ata o domingo

11 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? que empezou sendo a feira de Vilagarcía por excelencia, hai 37 anos, dá hoxe nome e cobertura a un armazón feiral de gran envergadura no que caben monográficos internacionais de acuicultura ou salóns do automóbil. Pero sempre é bo volver ás orixes, sobre todo se ese encontro coa tradición recibe o respaldo cada ano do público, como está a ocorrer. Onte arrincou unha nova edición da multisectorial de Fexdega e, con ela, outra oportunidade de ver baixo o mesmo teito un amplo abano da oferta comercial do momento. Desde cochiños de bebé ata duchas cromáticas. Así é Fexdega. Cada sector ten o seu sitio e todos teñen o seu oco. De feito, os empresarios seguen a responder moi ben á chamada que cada ano fai a fundación. Fexdega logrou encher os 7.500 metros cadrados de superficie adicados á exposición de xeito que conviven baixo un mesmo espazo as tapas de xamón de Os Arcos e as Thermomix que cociñan tanto un chocolate quentiño como un caldo de verduras. Iso e moito máis é o que se pode ver no recinto de Vilagarcía. Este ano conta cunha importante presenza o sector do moble e, en concreto, todo o vencellado cos servizos anti estrés e relaxación. As autoridades desde logo onte non deixaron escapar a ocasión e foron as primeiras en probar os cómodos sillóns de descanso. Tamén amosaron interese por outros produtos novos como, por exemplo, unha sauna portátil que, por só 250 euros e cun enchufe preto, permite gozar dos vapores dun baño turco en calquera curruncho da casa. A variedade é o selo da feira así que non hai máis que cruzar un corredor enmoquetado para cambiar o rexistro e entrar nunha casa prefabricada con piscina incorporada. Neste posto xa non se fala de prezos máis baixos dos 30.000 euros. A primeira rúa do recinto, a man esquerda, está dedicada ao comercio e alí trasladáronse moitas firmas de Vilagarcía para amosar desde a moda deste outono-inverno ata uns gatiños que onte foron quen de sacarlle a cara máis doce aos políticos. Era a súa quenda. Desde o alcalde á delegada provincial de Industria, pasando polo presidente da Cámara de Comercio e o vicepresidente da Deputación. Onte en Fexdega estiveron todos, ou case todos: o goberno e a oposición e, por suposto, moitos empresarios. Agora a palabra a ten o gran público. Fexdega espera contalos por miles cando o domingo peche as súas portas e faga balance. A entrada custa 3 euros, excepto nenos e xubilados que poden pasar gratis, e o horario de apertura é de once da mañá ás nove da noite. Pasen e vexan.