AREOSO | O |
10 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.ACABO de volver de vacacións. Podería dicir que nos últimos días xa botaba de menos a actividade. Podería asegurarlles que pasar horas e horas sen facer nada obrigatoriamente acaba cansando. E recitarlles aquel vello refrán de que o traballo dignifica. Pero non é o caso: eu nin botaba de menos o traballo, nin estaba aburrida de tanto descansar, nin sentía que a miña dignidade estivese en xogo. Pero como a miña liberdade -polo menos a económica- sí depende do traballo, aquí me teñen de volta. Así que comezo de novo: acabo de volver de vacacións. E sinto a tentación de convertir esta columna na típica redacción sobre o que fixen durante as miñas semanas de descanso. Pero non se preocupen: vou evitarlles o mal trago. Só lles direi que durante uns días adiqueime ao turismo. Collín a maleta, o meu gorro de turista e as gafas de sol e puxen rumbo ao meu destino vacacional. Convertida nunha perfecta guiri, recorrín un país alleo, coleime en casas típicas, participei en cenas tradicionais e disfrutei do folclore local todo o que puiden. Houbo momentos nos que casi me sentín avergoñada pola miña curiosidade e os meus excesos pintorescos. Pero hai uns días vin neste mesmo periódico unha foto de Julio Cortázar (o mellor escritor do mundo) subido a un elefante, e reconcilieime con todas as miñas instantáneas de «eu estiven aquí». Todo o que fixen durante a miña viaxe respondía a unha enorme curiosidade por unha forma de vida que non ten nada que ver coa miña. Unha curiosidade que, sempre que vaia acompañada de respecto ao outro, non ten nada de malo, nen de indigno. En Galicia sóbrannos cousas que compartir cos turistas. Sóbranos cultura, tradicións e traballos capaces de espertar a curiosidade de calquera -incluso, moitas veces, a nosa-. Ogallá aprendamos pronto a sacarlle partido.