Crónicas do patrimonio | Un traballo de Manuel Gallego Co proxecto da casa consistorial o concello da Illa optou por un traballo silencioso e comprometido, por unha arquitectura integradora e de calidade
07 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O pasado luns, o COAG de Pontevedra escolleu para os seus actos do día mundial da Arquitectura o edifico da casa consistorial da Illa de Arousa, querendo así mostrar un recoñecemento a este interesante edificio e ao seu autor, o prestixioso arquitecto Manuel Gallego Jorreto. A consistorial, que foi inaugurada a principios do 2004, logo de varios anos de xestación, non exentos de polémica e dificultades económicas, constitúe unha peza máis dun ambicioso proxecto de renovación urbana que abrangue un complexo sociocultural e unha praza pública, a rehabilitación da antiga fábrica de Goday, e a recuperación do vello muelle de Pau , no que antigamente se descargaba o peixe para as factorías conserveiras. Haberá ocasión de falar de cada unha destas obras. O que me interesa agora é simplemente apuntar unha serie de cuestións xerais que, na miña modesta opinión, poden axudar a entender mellor esta arquitectura ou, alomenos, achegarnos a ela con certo espírito crítico e libres de prexuízos. A de Gallego é unha arquitectura de escala modesta pero de sinxeleza só aparente, pois a pouco que nos fixemos atopamos un sentido de grande precisión e delicadeza, que se manifesta nuns xogos de sutís referencias, onde a experiencia persoal parece mesturarse coa memoria do lugar e das súas xentes. Para o autor, a experiencia arquitectónica non se acaba en si mesma, non é só a obra persoal e única dun creador, senón que hai que entendela na súa dimensión de servizo á sociedade, capaz de xerar novos procesos, como o lugar no que se vai construíndo a vida. O propio Gallego comentoume que máis que gustar o que realmente lle interesa é que a xente se sinta cómoda no edificio, que o seus usuarios -traballadores e veciños-, gocen e se sintan a gusto no día a día. Isto que parece unha obviedad expresa en realidade unha actitude intelectual de compromiso cos propios fins da arquitectura que, pese ao seu carácter representativo, deben prevalecer sobre vanglorias persoais ou intereses de calquera outra índole. Antes de poñerse a debuxar, o arquitecto ten que coñecer o medio, a sociedade, a historia, reflexionar sobre o lugar e a súa memoria, descubrir a súas mensaxes. Logo implicarase a fondo na construción, en cada detalle, na xestión e resolución dos problemas que xorden cada día, porque só así se chega a unha reflexión sosegada arredor da arquitectura, da forma e das funcións, do que se espera dela no futuro. Instinto e sutileza Nacido no Carballiño, logo dunha longa etapa de formación en Madrid Gallego afíncase definitivamente na Coruña e pasa anos coñecendo e estudando o territorio galego e a súa arquitectura, feito que se reflicte nalgúns escritos e reflexións de obrigada referencia. Quizais por iso, algúns quixeron ver na súa obra unha influencia da nosa arquitectura popular, que se reflectiría, por exemplo, na súa organicidade e modestia formal. Sen embargo, máis que influencias concretas, pode que a lóxica construtiva desta lle sirva para se achegar a unha serie de conceptos e valores -universais-, que dun modo instintivo aplica a súa linguaxe aprendida, a da abstracción e o racionalismo do Movemento Moderno, que lle ven, ademais da escola, polo seu traballo co xenial Alejandro de la Sota, o mestre que marcaría dun xeito decisivo a súa personalidade creadora. O resultado é unha arquitectura sen prexuízos, que se nutre de Galicia como lugar tanxible pero que mantén o seu espírito crítico e nunca perde a súa autonomía. Que fuxe de aparencias e excentricidades en favor da introspección interior, do coidado no detalle, da percepción sensitiva nuns interiores cambiantes, de límites confusos, de luces tamizadas, de suxerencias. Que tenta integrarse no contorno e participar das súas dimensións culturais e afectivas mentres crea unha orde espazal completamente nova, máis vivible, máis humana. Que mira ao pasado sen nostalxia nin falsos sentimentalismos, ao tempo que reivindica o seu carácter inacabado, aberto ao futuro, que só o tempo pode modelar. Penso que no edificio da casa consistorial hai moito disto. A rotundidade e sinxeleza do seu volume -trazo que en realidade non difire do resto das edificacións da zona- non debe ocultar a complexidade das relacións espazais do seu interior, e tamén a súa transparencia con respecto ao exterior, coas súas dinámicas e perspectivas, coas cores do mar e o transcorrer do tempo. Ao meu modo de ver, o Concello da Illa optou por un profesional cos pés na terra, alleo ás modas e aos fogos de artificio, que en cada proxecto demostra unha profunda reflexión, ademais dunha actitude de honestidade e respecto polo territorio e polo oficio de deseñar espazos para ser vividos. Moi lonxe, como digo, das impactantes mamarrachadas que hoxe nos venden como arquitectura de verdade pero que parecen deseñadas por expertos en mercadotecnia. Optou, en definitiva, por unha arquitectura coherente, integradora e de calidade. Algúns concellos da comarca poderían ir tomando nota.