Desasosego químico

XAQUÍN CHAVES

AROUSA

AREOSO | O |

13 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

AS NOVAS sómente van cargando os nosos cerebros como querendo representar unha apocalipse virtual duns acontecementos que son máis constatables que imaxinables, e un pensa que movémonos demasiado na superficie das cuestións, cando o que hai que facer é remexer e preguntar. É certo, ou parece selo, que a empresa de produtos químicos tiña un sistema de prevención que lle custara un millón de euros para a súa seguridade? É certo, ou parece selo, que levamos anos tras anos contemplando como se deteriora a vida do río Umia debido aos verquidos incontrolados? A nosa inocencia clama ás veces polo exceso ao que se ve abocada, porque cando foi o terrible desastre do Prestige , tamén foi certo ou non que outros buques limparon sentinas aproveitándose daquel desastre? Agora, coma se dunha simple calcamonía se tratara, tamén parece ser certo que no Umia esta circunstancia foi elixida por outras empresas para limparse ; todo abraia, e máis despois de ver como impunemente ardeu o noso verde para converter en cinza multinegra. A experiencia apunta a que teremos que conformarnos, pero costa traballo ter lucidez, e unha vez acadada esta, mantela. A realidade indica que cando acontece un Katerina , un Prestige, unha baga de lumes, unha guerra como a do Líbano ou unha chegada de inmigrantes, os gobernos quedan sobrepasados, e non teñen outro remedio que ir ao remolque dos sucesos, e as nosas preguntas quedan vagando no aire: habería agora medios para atallar outro Prestige?, vaise a repoboar dun xeito racional o noso monte?, escomezan a ser negocio os desastres?, vaise a aproveitar a ocasión para sanear un río tan fermoso como o Umia?, haberá políticas adecuadas para desenvolver as zonas deprimidas do mundo?, engranamos nós unha sociedade ou é ela a que nos engrana a nós? O escepticismo aflora inevitablemente, e sobor de todo porque dentro dun tempo, e ogallá me equivoque, outra guerra ocupará os telediarios e xornais, e os mortos, como sempre, serán os máis desamparados. O poeta grego Konstantinos Kavafis dicía nun dos seus máis célebres poemas: Que esperamos agrupados no foro?/ Hoxe chegan os bárbaros. /Por que inactivo está o Senado/ e os senadores non lexislan?