TRIBUNA PÚBLICA | O |
26 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.NATURALMENTE agradezo o labor humanitario realizado por vostede (Luis Álvarez Angueira, alcalde de Pontecesures) para impedir que o lume afectará ás vivendas. Iso non é incompatible con criticar que un canle que bombea 150 litros de auga por segundo estivese baleiro pola súa incompetencia e que a Delegación de Medio Rural dirixida polo BNG non concedera o tractor cisterna solicitado hai tempo para actuar preto das vivendas. Acúsame de despreocupación nos incendios e iso non é certo. Vostede, que dirixe o concello, nin informou nin pediu a miña colaboración para nada. Non participei na loita directa contra o lume preto das casas pois ademais de non ter a oportunidade de facelo, nin teño coñecementos nin tiña material axeitado. Visitei varias veces as zonas e as casas dos afectados, fixen moitas xestións preventivas en contacto cos veciños para que se limpasen fincas particulares, tamén para que se restablecese o subministro eléctrico en Grobas e Fenteira despois do incendio, etcétera. Penso que é inxusto acusarme de desentenderme dos problemas dos cidadáns. Os veciños xa coñecen quen estivo e quen non nos últimos sete anos cando houbo algún problema nas rúas ou na casa do concello. Sempre prefiro debater nos plenos que nestas cartas. O que pasa é que ultimamente vostede nin asiste ás sesións nin contesta ás numerosas preguntas que lle formulo. Moléstalle dabondo a miña labor de control na oposición. Prefire os concelleiros que acoden só de pleno en pleno. Para iso non estou nunha corporación. Facer propostas, denunciar carencias e averiguar irregularidades é a miña obriga. Por certo señor alcalde, o pobo divídese cando se discrimina aos cidadáns por razóns política e iso é responsabilidade súa. Para rematar vou dicir o mesmo que dixen nos plenos e nas rúas. Considero que vostede non é a persoa idónea para ocupar a alcaldía desta vila. Non é cuestión de vinganza senón de incapacidade, das irregularidades, e do clientelismo e amiguismo que practica na xestión municipal.