TRIBUNA PÚBLICA | O |
24 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Cadavid, Allo, Panxón, José Casas, Francisco Carniceiro, Chiquitín, Figueiro, Puente, García Moldes, O Grañeiro, todos eles son nomes de veciños da nosa parroquia que forman parte da nosa memoria vital. Dende moi nenos temos escoitado falar deles, sempre en voz baixa, como anunciando un estado de ánimo dominado polo medo e a desgraza. Coa chegada da democracia sempre pensei que algún día sería bo para o fortalecemento do noso sistema render un emotivo recordo a todos eles, que ó tempo servira para reconciliar a dor e o silencio tácito e eterno das súas familias coa normalidade democrática. Neste ano da memoria histórica do presidente Zapatero parecía que se producía a oportunidade de recordar como se merecen estas sempre esquecidas vítimas da guerra e probablemente de revanchismos persoais. O feito de que esta oportunidade viñera fretada en forma de lei (historia oficial, propaganda segura) e zarpando nun barco que partiu dende unha consellería dirixida polo BNG, facíame sentir os peores augurios de politización, o que non foi suficiente para considerar que acudir aos actos fora o meu deber, a elo axuda a firme crenza na boa vontade dalgún dos membros da comisión. O sentimento de restituír o recordo destes veciños e homenaxear ás súas familias puido máis que os indicios que logo tristemente se converteron en realidade: realidade manipuladora que converte estes homenaxes en mitins con leccións de historia infames, en discursos nos que se compara aos asasinos dos nosos veciños con políticos elixidos polo pobo español por maioría absoluta tales como Aznar, Zaplana ou Acebes. Na propia infamia está o sinal da manipulación, nin agora nin na Segunda República a esquerda entendeu que na democracia goberna o que elixe a sociedade. Lonxe diso hoxe, coma entonces, converten un acto de paz, concordia e reconciliación nunha cerimonia oficial de sectarismo maniqueo. Oxalá non sexa ese o camiño futuro desta comisión, a memoria destes e de todos os veciños do Grove que morreron no fronte de guerra, foron asasinados ou arbitrariamente xulgados non merece este maniqueo mitin de infamia histórica.