En dous minutos | A Festa do Carme en Arousa Nunha ría mariñeira coma a de Arousa a festividade da patroa do mar non pode pasar desapercibida. O Grove e Cambados dan hoxe o do de peito
15 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Hai cousas que cos anos van mudando a pel. Non é, dende logo, o caso da Virxe do Carme, patroa da xente mariñeira toda. Como cada ano, a ría de Arousa apréstase a celebrar como é debido o seu día grande, e hoxe tócalle a dúas localidades sobranceiras, O Grove e Cambados. Nos dous casos a celebración segue un mesmo patrón. A saída da figura da virxe dende a súa igrexa é o comezo da festa, tanto en Cambados, no caso de Santa Mariña, como no Grove. Isto sucede arredor das once e as doce do mediodía. A partir deste intre ten lugar a chamada procesión terrestre. Normalmente, o convite ten a súa culminación coa procesión marítima, que no Grove comeza ás seis da tarde e na vila do albariño unha hora despois. Por certo, que a cousa está quente logo de que o ano pasado as autoridades pertinentes metesen man no asunto de tanta xente a bordo e nas condicións en que navegaban as festeiras embarcacións. Desta volta, todo canto barco vai saír esta tarde tivo que solicitar o permiso expreso da Capitanía Marítima de Vilagarcía. O proceso vense traducindo na necesidade de dispor dun seguro por embarcación, que se faga cargo de todas as persoas que viaxen no seu casco. E, xa que logo, medidas de seguridade que eviten calquera percance. As comisións organizadoras dos festexos e as confrarías implicadas na festividade son plenamente sabedoras destas circunstancias, polo que cabe unha certa tranquilidade á hora de plantexar a celebración e o gosto de subir a un barco para homenaxear como é debido á patroa do mar. Ollo, porque a de hoxe é a primeira, pero quedan por diante moitas máis. ¿U-lo Vilaxoán, Carril e A Illa, que diría a boa xente de Ourense e provincia?