«A Deputación troca a tradición por clons»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

ENTREVISTA | César Longa

28 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? presentación do seu cuarto traballo discográfico, Unha semaniña enteira , serve a ocasión perfecta para conversar con César Longa Padín, acordeonista de Treixadura. -Por certo, ¿cabe considerar o acordeón como un instrumento tradicional? -Ben, é un instrumento que vén de Centroeuropa e chega a Galiza a finais do século XIX. Dende entón mantívose vivo na nosa tradición. Houbo épocas na que desprazou mesmo a instrumentos propios. Nos primeiros tempos, os acordeonistas e os gaiteiros levábanse moi mal, porque as posibilidades sonoras do acordeón, de acompañar e facer melodías, superaban ás da gaita soa. Competían. Ao cabo, todo isto rematou nun matrimonio ben avenido, como é o noso caso. -O outro día, nunha aldea de Xinzo, estaban de festa. Á mañá apareceu un grupo de gaiteiros moi ben uniformados que ían polas casas. As gaitas non tiñan tres roncóns, pero a caixa si era de metal. ¿Son comúns estes híbridos ultimamente? -O que ti viches foi unha derivación dun proceso terrible; a creación das bandas uniformadas. Ata que ao señor Baltar se lle ocorreu mercar gaitas aos escoceses, coller a milleiros de rapaces e facelos tocar todos iguais, de uniforme, a gran riqueza da nosa música consistía na súa enorme variedade. Podías recoñecer o lugar onde estabas polo xeito de tocar os seus gaiteiros. Esta variedade, que se construíu ao longo dos séculos, está a ser trocada con cartos públicos por uns gaiteiros que funcionan con normas ditadas dende unha serie de academias. Gaiteiros alienados, clons que tocan as mesmas pezas de xeito igual, un mesmo patrón, un mesmo ensino. Un grande perigo que se estende á nosa provincia. A Deputación de Ourense, pero tamén agora a de Pontevedra, troca a tradición por un exército de clons. -¿Ese modelo ten pegada fóra? -Esa é a segunda parte do problema. A Xunta potenciou que estas agrupacións fosen as que representasen ao país. Así que se un vai á celebración do San Patricio en Nova Iorque atopará uns tíos con saias, gaitas de tres roncóns, serios como patacas... Penoso.