Ameixa indómita

CHICHO BERRIDE

AROUSA

TRIBUNA LIBRE | O |

07 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A veces, ao abrir os xornais, dá pena ler noticias sobre unha situación que para nada reflexa o verdadeiro clima veciñal do teu pobo. Sáeme isto a fío dos incidentes da pasada asemblea dos parquistas, hai apenas unha semana. Vese e pálpase no Carril que a súa sociedade está viva, que as asociacións funcionan. Valan os exemplos do Gato Negro, da asociación de mulleres Illa de Cortegada, ou de Rompetimóns. O Carril ten diante de si unha serie de transformacións que van modificar vida de todos os que vivimos nel. Por iso é importante que as sociedades se xunten para que as súas sinerxías revertan no pobo. Por iso é importante, tamén, que se deixe traballar a Fernando Franco, o patrón maior, elixido lexitimamente e cunha reputación intachable. Se un ex patrón maior decide apadriñar unha lista e esa lista sae perdedora e el, bochornosamente, é o menos votado, só hai que ter sentido do pudor, retirarse, esperar que chegue o mundial e deixar que gobernen tranquilamente os que obtiveron democraticamente esa responsabilidade. Non se pode, ao fío da formación dunha agrupación de parquistas, facer unha montaxe de burdos intereses para cargarse ao patrón maior. Amigos da disidencia, teñen dereito a formar unha ou dez asociacións. Pero iso si, dentro dos estatutos da confraría, que tutela a consellería. Se resulta que os servizos xurídicos de Pesca din que non é legal o poder de representatividade que esgrimiron na asemblea, recorran ante eses servizos. Mais non increpen ao patrón maior porque el non ten responsabilidade nese tema. No Carril non hai tempo para comisionistas, clientelistas, chiquiteros nin esbirros. Voulles dicir máis. Eu non votei a esa chamada lista do señor Villanueva, créame máis sombras que luces, pero é o representante lexítimo dunha asociación que ten intereses que converxen nalgún caso coa confraría. Polo tanto é normal que o patrón despache con el. Pero nin Villanueva, nin Villamediana son socios da confraría, e con iso basta. Queridos socios, teñen a oportunidade de volvelo intentar. Non desesperen: a democracia está para usala. Fagan o que lles veña en gana, pero dentro dos cauces da cortesía.