ENTREVISTA | X. Gayoso
30 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Vilacendoi é unha pequena aldea do municipio de Lugo que tiña entre as súas principais peculiaridades ter unha banda de música. A agrupación xa desapareceu hai medio século, pero a xente aínda se lembra dela. Tanto, que Xulio Gayoso, que non é de Vilacendoi pero que, como bo lugués, coñece a historia desta banda, botou man deste argumento para o seu primeiro libro. Prefire non falar de literatura. El é, sobre todo, un ilustrador, que compatibiliza o seu traballo de profesor de debuxo no instituto Ramón Cabanillas de Cambados coa faceta creativa. Este conto, editado por Kalandraka, fala de música, pero tamén do fenómeno da emigración e a mestizaxe ao longo de vinte páxinas cheas de imaxes e cor, pensadas para rapaces de pouco máis de sete anos de idade. Quen queira saber máis desta historia e de paso asistir a unha sesión de contacontos, teñen hoxe, ás sete da tarde, unha cita no centro comarcal Exposalnés, de Cambados. -O libro remata coa frase «todo o que pasa no mundo pasou antes na miña aldea» ¿É Vilacendoi unha metáfora do mundo? -Sobre todo é unha metáfora de Galicia, incluso de Europa, e se queres da aldea global. E que estamos ante algo inevitable (a emigración), e eu quero, de maneira humilde e ben intencionada, aportar algo a ese debate. -Para que non o saiba, a Vilacendoi chega tamén a marea de inmigrantes africanos. -Si, fálase dunha forma sutil do intercambio cultural e da integración. -¿Por que Vilacendoi? -Parecíame un milagre e moi emotivo que unha comunidade rural tan mínima tivera unha banda. Eu non a acordo, teño 52 anos, pero quero pensar que meus pais bailaron con esa banda. Necesitaba unha historia para acompañar aos debuxos, e de aí xurde o conto -¿Entón, neste caso foron primeiro os debuxos e logo o texto? -Si, o feito de escribir foi por necesidade. Eu me considero, primeiro, un ilustrador e o que quería realmente era debuxar músicos. Primeiro pensei en imaxes e logo foi a historia, aínda que outras veces ocorre ao revés.