ENTREVISTA | Xan Caneda
22 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?resentar a estas alturas a Xan Caneda sería case fachendoso. Pero, con respecto á súa actividade política e sindical, hai unha novidade que cómpre salientar. Dende hai mes e medio, está embarcado na Comisión pola Memoria Histórica do Grove, que o pasado domingo culminou con éxito o seu primeiro acto de homenaxe aos represaliados. -¿Como están reaccionando as familias de toda aquela xente logo de tanto tempo? -Pois bastante ben. Onte mesmo -polo domingo- unha señora, que tiña relación cun dos republicanos que fuxiron do penal de San Cristóbal, en Pamplona, veu dende Vigo expresamente e me comentaba que tiña un tío ao que fusilaron na batalla do Ebro. Quería saber se nós poderiamos conseguir algunha información, mergullar por aí. A verdade é que houbo momentos moi emotivos. -¿Cal é, agora, o obxectivo do comité? -A idea era recoller información, toda a posible, e poñela a disposición da xente do Grove na casa da cultura, a través dalgún soporte como o CD. O malo é que ata o de agora había moi pouca información e a que hai está dispersa. No libro Aillados , sobre a illa de San Simón, fálase de oito ou nove presos do Grove, por exemplo, pero non hai ningún traballo específico. -¿Que me di de facelo agora? -Xa che digo que a idea non era esa. Pero o certo é que xa temos catro ofertas, de catro editoriais, para publicar un libro. Non sei... O importante agora é recoller o material. -¿E como vai ese traballo? -¿Como vai? En mes e medio temos xa oitenta nomes de represaliados, xente que foi paseada, asasinada, xulgada e fusilada, e os doce grovenses que participaron naquela fuga multitudinaria de Pamplona. Acumúlase o chollo e vimos aínda de empezar. -Lóxico, disque naqueles tempos O Grove era un niño de roxos... -A historia do PCE en Galicia, que fixo Víctor Santidrián, fala de varios dirixentes que saíron do Grove. E se menciona a vila como «a pequena Rusia». Aínda que hai que dicir que a xente do mar, mesmo militantes comunistas, estaba moi vencellada á CNT.