O galego ten premio

La Voz

AROUSA

El Palomar A coordinadora de equipos de normalización lingüística do Salnés entregou os galardóns do concurso de adhesivos. Este ano o lema era «O galego e o deporte»

20 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O concurso de adhesivos ten xa doce edicións de historia. Doce anos promocionando o uso da lingua nai entre os rapaces. O venres, o organizador deste certame, que é a coordinadora de equipos de normalización lingüística do Salnés, entregou os galardóns. O concurso, dirixido a todo o alumnado dos centros de Secundaria da comarca, centrouse esta vez no tema «O galego e o deporte». Alta participación Un ano máis, rexistrouse unha altísima participación, que superou os trescentos traballos presentados, dos que chegaron á selección final perto dun cento de traballos. O xurado, formado por profesores e alumnado dos centros participantes, destacou a orixinalidade e a variedade tanto das técnicas empregadas como nos lemas propostos. Esperanzas O xurado do certame considera que tanto a alta participación como a calidade dos traballos demostra o alto grao de implicación e coñecemento que ten o alumnado da situación lingüística. Agarda, así mesmo, que isto se vexa reflectido nun progresivo incremento da utilización do idioma galego por parte dos rapaces. Os premiados Na categoría de primeiro ciclo de ESO o primeiro premio foi para Christian García Núñez por «Xoga co galego», mentres que a segunda clasificada foi Jénifer Lorenzo Carro por «Móvete co galego». Ámbolos dous estudan no instituto A Basella de Vilanova. Na categoría de segundo ciclo de ESO o primeiro premio foi para Sara Carro Oubiña , do instituto Ramón Cabanillas de Cambados, que presentou o lema «O galego deporte de equipo. ¿Apúntaste? Sen ti non hai xogo». O segundo clasificado foi Joel García Paz co lema «Galego. Mergúllate nel». Este alumno tamén estuda no instituto A Basella de Vilanova. Na categoría de bacharelato e ciclos os dous premios foron para alumnos do Ramón Cabanillas de Cambados. A primeira clasificada foi Lorena Sineiro García , co lema «Exercita o galego», mentres que o segundo galardón foi para Lidia García Martínez , que propuxo como lema do concurso «Acerta co galego na diana». Os premios consistiron na edición asinada de cada un dos adhesivos galardoados, así como dun diploma acreditativo. En total, editáronse uns cinco mil exemplares de adhesivos promocionando o galego.