ENTRE LIÑAS
16 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.EU FUN de letras puras. Con grego e todo. Os números nunca se me deron. Son aburridos e previsibles. Un máis un sempre é dous. E máis dous son catro e catro e dous son seis. Iso non pasa cas letras. A máis g pode ser ag ou ga e máis o ele pode ser lag, gla ou gal. As combinacións son moito máis variadas. Cas letras hai oco para a improvisación. Para a creación. A miña vida son as letras. Vivo delas. De poñer unha detrás doutra. De xuntalas. De formar palabras e frases. Son a miña mellor arma. A min as letras gústanme todas. As galegas que hoxe celebramos, as castelás, as catalanas, as portuguesas, as vascas, as inglesas e mesmo as gregas que estudaba no bacharelato. Non sei se ter un día para as letras galegas vale de algo. O que si sei é que o xeito no que os galegos xuntamos as letras e único e paga a pena protexelo e preservalo.