Entrevista | X. Torres
20 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?a asemblea ninguén se presentou para substituír a José Manuel Castro na presidencia da Asociación do ensino musical de Vilagarcía «Atril» de xeito que todos os ollos miraron a Xermán Torres. Xa exercía como vicepresidente e portavoz, o cal o converte nun dos maiores coñecedores do funcionamento da asociación. -Eu prefería que o collera outro porque teño outras moitas actividades, pero mo pediron e decidín presentarme recollendo a colaboración de todas as persoas que van acompañarme na directiva. A primeira reunión ímola ter o mércores. -¿Cal é a súa prioridade? -O máis importante para Vilagarcía é axudar á consolidación do conservatorio para que teña matrícula e alumnado suficiente, para que manteña a liña de calidade, e apoiar as inversións que fixo o Concello. -Hai moita xente na escola de música e poucos alumnos no conservatorio ¿que van facer para equilibrar esta situación? -Hai que implicar á dirección dos centros. Se hai pouca matrícula o problema é académico, pero tamén económico. Hai que aunar vontades. O conservatorio non vai impedir o desenvolvemento da escola, nin ao revés. Son dous centros totalmente compatibles. -¿Dous centros de ensino musical lle quedan grandes a Vilagarcía? -Non, porque o conservatorio ten incidencia comarcal e a escola de Vilagarcía, con 450 alumnos, ten que ser o semilleiro fundamental para o conservatorio. Algúns alumnos deben dar o paso á formación con titulación. O que non é de recibo é que haxa outro conservatorio de grao medio na comarca. Sería un despilfarro. -Unha das actividades inmediatas da asociación vai ser organizar a cuarta Mostra Musical ¿hai algún outro proxecto en carteira? -Queremos seguir mantendo os contactos con Portugal e afondando nos vínculos coa República Checa.