As vítimas

X. Á. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

25 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

NESTES días nos que, con razón, se fala de paz recibo, recen saído do prelo, a obra de Carlos F. Velasco, profesor da Universidade de A Coruña, titulada 1936 Represión e Alzamento Militar en Galicia. Coincide cos días, fermosos, nos que se fala da tregua permanente da ETA. Déixenme dicir que esas dúas verbas reflicten unha contradictio in terminis: Ningunha tregua pode ser permanente, senón temporal. Se, ogallá, chegase a ser permanente sería desaparición ou fin. Ben, dicía que acabo de recibir un libro que, no limiar, explica moi ben o chamado pacto de silencio derivado da transición á democracia, consistente en esquecer os abusos e a represión franquista para non lixar este peculiarísimo tránsito á democracia que se xerou a partir de 1975. Contén a obra un apartado específico referido á nosa comarca e, ademais, trae nomes propios dos represaliados. Déixenme que os transcriba aquí para que, dun xeito que xa se iniciou en Vilagarcía, cunha rúa no espazo portuario, alguén faga algo por honrar a homes que deron a vida polas ideas que hoxe, todos, defendemos. En Vilagarcía: Elpidio Villaverde, o médico Rodríguez, Luís Pando Rivero, Manuel Oubiña López, Edelmiro Iglesias, Ramón Mondragón Cores, Ángel Navia Cores, José Otero Lago, Valentín Briones e José Villaverde -estes dous últimos só foron condenados a cadea perpetua-. En Cambados: Manuel Bugallo Piñeiro, José Varela Oubiña e Manuel Silva Losada, que se salvaron; Antonio Chaves Del Río, Manuel Martínez Piñeiro e Peregrino Pontevedra, que non tiveron esa sorte. En O Grove: O 17 de novembro de 1936 foron xulgados Jacobo Barral, alcalde, Otero Goday, médico, Ángel Cadavid, médico e antecesor da muller do presidente Touriño e José Prol, estes dous últimos, fusilados. Non pode haber paz, como se di agora, sen que as vítimas sexan honradas.