Socios

X.A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

18 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

AFORTUNADAMENTE a sensibilidade social, a opinión pública, estanse a botar enriba dos incumprimentos da normativa urbanística; ademais, agora mesmo, as empresas promotoras profesionais importantes rexeitan calquera tipo de infracción urbanística e vérense metidas en escándalos. Resulta, máis ou menos, claro que onde permanecen os conflitos i os abusos é onde os planificadores urbanísticos carecen de compromiso de futuro co espazo físico no que traballan ou cando os axentes que conflúen na actividade urbanística practican unha especie de cultura de constante alegalidade sen que, quen ten a obriga de facer respectar a lei, sexa algo máis que un monifate. Pero esa falta de compromiso co futuro da terra non está so nas autoridades porque hai outra serie de entidades que teñen na man axudar a esta terra a dispor dun futuro ordenado; seguramente nesto estaría o verdadeiro compromiso connosco, máis ca en saber si o capital ten orixe galega, que, a verdade, tanto da. Exemplos: Fenosa, as compañías de gas, non poden facer suministros a vivendas ilegais; sen embargo ningunha delas mostra excesiva preocupación. Tampouco ninguén dispara contra os Bancos, os socios reais de todo o proceso: hoxe por hoxe ningún promotor é quen de levar adiante procesos edificatorios sen contar coa financiación axeitada; tampouco a maioría dos cidadáns podemos adquirir vivenda sen dispor dun préstamo. Isto quere dicir que os socios reais, os que sempre gañan, desde a posta en marcha da mesma construción e, seguramente, durante a vida útil dela, son as entidades financeiras, que prestan ao promotor para facer e o comprador para adquirir e, polo tanto, resultan os socios reais, de todo o proceso. A implicación, moi morna, desas entidades financeiras nun proxecto de futuro para o país non participando en promocións urbanísticas rexeitables sería parte da solución.