VENTO DA TRAVESÍA | O |
11 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.LERIA PARVA era un veciño meu que falaba de todo i era o colmo da brillantez. Pero, á hora da verdade e por non enfrontarse a ninguén, nunca puña en práctica nada do que dicía. Se cadra era unha demostración de educación exquisita que impedíalle posicionarse sobre un tema para non enfrontarse. El conseguía falar do que fora sen ser problema para ninguén. Dominaba o arte de non resultar problemático. A correcta aplicación das Normas urbanísticas son a esperanza de futuro para a nosa sociedade. Estas Normas trazan o ámbito onde se desenvolve a vida diaria humana e afectan a tódolos ámbitos: dende a vida privada, ata a vida social, o medio ambiente i, en fin, á calidade de vida. Das Normas Urbanísticas dependen os espazos comúns -prazas, parques-, os equipamentos -hospitais, edificios de cultura e educación-, e, incluso, a supervivencia económica dos entes locais a través das cesións obrigatorias e, por suposto, o equilibrio medioambiental. Na actualidade hai Normas que, se se aplicasen, permitirían que desfrutaramos dunha vida moito máis racional e impedirían que os aproveitados puxeran en perigo o futuro de toda a sociedade. Por exemplo: haiche normas que non deixan ocupar unha vivenda sen licenza, ou que impiden que se conecte auga, electricidade ou teléfono a edificacións ilegais. Concellos, Telefónica, Fenosa están obrigados a esixir que as vivendas sexan legais para podérenlle conectar os seus suministros. Por iso me ven a cabeza Leria Parva. Era un fenómeno, pintábache un mundo marabilloso, tiña unhas ideas xeniais pero estaba obsesionado por quedar ben e non poñer fronte a nada e non se lle coñeceren inimigos. Se abrimos os ollos ó redor podemos, facilmente, comprobar que hai Concellos nos que as Normas Urbanísticas son, sen dúbida, unha reencarnación de Leria Parva.: píntannos un marabilloso mundo pero ¿alguén vai a aplicalas?