NA ÚLTIMA | O |

22 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ALGUÉN que entende deste tipo de asuntos asegura que os estudios demoscópicos, por pouco representativos que sexan, nunca minten, e polo tanto son completamente fiables. Todo vén motivado pola enquisa que o Concello fixo entre os rapaces do botellón. Os datos eran realmente optimistas, pois o 17% aseguran que van ata o Campillo a non tomar nada. Está claro que hai que desterrar a imaxe dos rapaces e rapazas colgados da litrona, pero, aquí, na redacción dende a que se escribe esta columna, o debate centrouse na veracidade duns datos sorprendentes. Ninguén dubida que entre os rapaces hai unha alta porcentaxe que non consumen alcol nin fuman porros nin se meten en aventuras peores. O que resulta sorprendente é que o número deles sexa moi elevado entre os que van ao botellón, basicamente unha reunión para quentar a noite a base de bebidas. No debate aberto na redacción, as que son nais de fillos en idade de vivir noites de botellón respiraron aliviadas cos datos. Era a coartada que estaban buscando para durmir tranquilas. Os máis novos do xornal, eses que deixaron atrás as reunións etílicas na rúa hai pouco, ou mesmo que aínda as frecuentan de cando en cando, a visión era moito máis pesimista. O 17% de abstemios semella tan abultado como o número de hamburguesas en mal estado que se despachan casualmente sempre os sábados pola noite e que obrigan aos seus consumidores a vivir un domingo a base de caldo para amañar o estómago. Ten que haber algo na natureza que obriga a protexer aos fillos e proxectar sempre os males sobre os demáis. Ao fin e oa cabo, vivir cunha persoa dende que mide medio metro ata que cumpre quince ou vinte anos é tamén en certa medida un estudio demoscópico. Unha enquisa diaria na que, polo visto, ponderan moito máis os sentimentos que a racionalidade.