Nélida Piñón e A Illa de Arousa

Pascua Suárez Xosé Manuel Dasilva

AROUSA

Reportaxe | Un conto da escritora ambientouse no municipio arousán A autora brasileira, galardoada co premio Príncipe de Asturias das Letras, plasmou nun relato as súas vivencias co seu padriño, o illense Ceferino Gondar

02 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A escritora brasileira Nélida Piñon conseguiu, en días pasados, o premio Príncipe de Asturias de las Letras, en competencia con máis de trinta candidaturas procedentes de dezaseis países. Pero un detalle importante pode pasar desapercibido na nosa bisbarra. Un dos seus mellores contos, Finisterre , sitúase na Illa de Arousa, de onde o seu padriño era natural. No próximo mes de outubro, Nélida Piñon recibirá en Oviedo o galardón nunha cerimonia oficial de mans do príncipe Felipe. Dise que o próximo premio que vai ter é o Nobel de Literatura, e que non tardará moito tempo. O prestixio internacional de Nélida Piñon como escritora ben o leva a crer firmemente. De feito, o xurado do premio Príncipe de Asturias de las Letras, presidido por Víctor García de la Concha, director da Real Academia Española, distinguiuna por amplísima maioría en razón da súa «incitante obra literaria». Non é este, nin moito menos, o único galardón que Nélida Piñon posúe. Nos últimos anos ten recibido numerosas recompensas en diferentes partes do mundo, como o Premio Juan Rulfo de Novela (1995) e o Premio Internacional Menéndez y Pelayo (2003). En Galicia, concretamente, tamén se honrou a Nélida Piñon coa Medalla Castelao, o doutorado honoris causa pola Universidade de Santiago (1998) e o Premio Rosalía de Castro do Pen Clube (2002). Entre o Brasil e Galicia Nélida Piñón naceu o 3 de maio de 1937 no Río de Xaneiro, filla de emigrantes galegos. A súa familia é orixinaria de Cotobade, preto de Pontevedra, lugar no que pasou dous anos, cando era nena, que haberían ser decisivos para a súa vocación de escritora. Licenciouse en Xornalismo na Pontifícia Universidade Católica da cidade carioca, proseguindo despois estudos nas universidades de Columbia e Johns Hopkins, nos Estados Unidos. Nélida Piñon dedicouse a esta actividade profesional durante varios anos, aínda que logo optou por centrarse no seu labor como escritora. A súa primeira novela foi Guia-mapa de Gabriel Arcanjo , dada coñecer en 1961, á que seguiron outras moitas entre as que destaca, principalmente, A república dos soños , unha magnífica novela que a editorial Galaxia acaba de publicar hai poucos meses en galego. Un aspecto moi notable da personalidade de Nélida Piñon é que ten sido pioneira, como muller, en moitas cousas, abrindo portas que ata ela permanecían pechadas. Quizais o detalle máis relevante, a este respecto, é que foi a primeira muller no mundo en dirixir unha academia da lingua. Efectivamente, ocupou o cargo de presidenta da Academia Brasileira de Letras en 1996, cando esta institución cumpría o seu primeiro centenario. «Finisterre» e A Illa Nélida Piñon nunca se esqueceu das súas orixes en Galicia, de onde eran os seus catro avós. Moi polo contrario, sempre reivindicou o papel transcendental que a realidade galega desempeña na súa obra. No discurso co que recibiu o doutorado honoris causa pola Universidade de Santiago, titulado de xeito moi expresivo Retorno ao centro , Nélida Piñon confesaba o seguinte: «Meu amor por Galicia permitiume percorrer os itinerarios da imaxinación». Ademais da terra dos seus ascendentes, na aldea de Borela, dentro do concello de Cotobade, Nélida Piñon quixo privilexiar na súa literatura outro lugar de Galicia, xustamente a Illa de Arousa. Fíxoo no conto Finisterre , de calidade extraordinaria, que publicou en 1980 no volume de narracións titulado O calor das coisas . A protagonista deste relato chega a unha illa que aparece sen nome, mais que é o retrato literario da Illa de Arousa, para identificarse, a través da figura do seu padriño, co celme da súa memoria galega. Finisterre narra a experiencia máxica desa visita que a personaxe fai, conforme declara nalgún momento, «para recoller forza e orixe», como se se tratase dun novo bautismo, obtendo así «vida por tempo ilimitado». Despois de pasaren xuntos, padriño e afillada, todo o día, a despedida de ambos no porto do Xufre, antes de que ela colla o vapor, alcanza no final da historia unha emotividade intensa: «Somos de raza forte, ¿non é, padriño? Abrazámonos aínda, e logo o mariñeiro guindoume dentro da lancha que se afastaba de présa. Pareceume ver o padriño chorar, el disimulaba abanando a man con vehemencia. Adeus, gritei. Aquela Illa era encantada, foi o meu derradeiro pensamento despois de que a distancia nos separou para sempre». O conto Finisterre ten base autobiográfica. Iso é o que explica, precisamente, que Nélida Piñon escollese A Illa de Arousa como escenario dun dos seus máis fermosos relatos. De aquí era, en realidade, o seu padriño, chamado Ceferino Gondar Gondar, emigrante no Brasil ao igual que a familia da propia escritora. Certamente Nélida Piñon levou a cabo esa última visita, recollida no conto Finisterre , ao padriño, que na Illa de Arousa edificou a mediados do século pasado unha casa en plena Avenida Castelao, aínda hoxe unha das máis singulares. Nélida Piñon e o Nobel Traducido ao galego, este conto que se desenvolve na Illa de Arousa publicouse nunha revista da Universidade de Santiago. Finisterre é unha referencia constante en todos os comentarios especializados sobre Nélida Piñon, posto que simboliza os vínculos que a súa literatura ten con Galicia. Aínda en datas recentes, a prestixiosa revista norteamericana World Literature Today dedicaba un número exclusivamente a Nélida Piñon, resaltando que é unha das voces máis sobresalientes no panorama das letras mundiais. Nélida Piñon avanza sen pausa cara ao máis alto cume que un escritor pode acadar: o premio Nobel. Hai que estar preparados para iso, e canto antes mellor, porque a boa noticia vaise producir nos vindeiros tempos.