Dous idiomas en convivencia

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso VILAGARCÍA

AROUSA

En directo | Visita de estudantes cataláns ao Asorey O galego é unha das asignaturas optativas en catro institutos de Barcelona. Os alumnos non só aprenden a falalo, senon tamén a comprender a súa cultura

04 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Oriol é catalán, pero calquera o diría oíndoo falar. A pesar dos nervios do momento, exprésase nun correcto galego cando recorda que «moitos cataláns viñero eiquí para traballar». A súa paixón pola lingua de Rosalía non lle vén de familia, senón por interese persoal: «É unha cultura moi interesante e tiven moita curiosidade por descubrir os seus segredos». Lucas, en cambio, é fillo de galegos e todos os veráns volta a súa terra natal para pasar as vacacións. A él cústalle un pouco máis expresarse, pero é que non leva tanto tempo estudando coma o seu compañeiro. Estes dous rapaces son unha mostra dos 133 que actualmente estudan galego en seis centros de Barcelona dentro dun innovador programa chamado Galauda. A idea xurdiu no ano 99 da man dos responsables do departamento de filoloxía galega da universidade catalana. Alí estaban formando a mestres en galego que poderían encargarse dunha nova asignatura sobre lingua e literatura galega. Contaron co apoio das consellerías dos dous gobernos e agora teñen ata libros de texto. Deste proxecto só falta unha parte: que o catalán sexa a asignatura optativa dos galegos, iniciativa que en breve se porá en marcha nos centros da comunidade. Intercambio Co fin de completar o seu coñecemento da comunidade, medio cento destes alumnos, de entre 13 e 15 anos, chegaron onte ao Asorey para participar nunha xornada de intercambio. «Algúns só o entenden, pero moitos aprenden a falalo», explica Sabela Labraña, coordinadora do proxecto. E é que, ademais de clases de lingua, os alumnos aprende un pouco máis sobre a cultura, a historia e a literatura do país. Este ano incluso celebrarán o Día das Letras Galegas. «Daquí coñecían as gaitas, o Depor e pouco máis», afirma a mestra. O obxectivo do proxecto non é so propagar o uso do galego, senon tamén «achegar a realidade da cultura galega porque da conviviencia sairá o respeto dos pobos». Os rapaces puideron gozar dun percorrido turístico guiado por mariscadoras, dunha visita á lonxa e dun paseo polo casco histórico de Cambados. Alí pudieron comprobar que os cataláns tiveron tamén moita importancia nesta ría ao introducir as fábricas de salazóns e conserveiras.