O mar

La Voz

AROUSA

AREOSO JUANMA FIGUEIRO | O |

21 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

LEMBRO VAGAMENTE que o meu avó Ramón contounos, ao meu irmán e a min, como en certa ocasión estivo a un paso de naufragar preto de Ons. Únicamente nos falou daquel día (de quen estaba a bordo, da onda que case traga o barco, de como saíron do paso), pero coido que deberon de ser algúns máis, porque o noso avó foi mariñeiro toda a vida, e o mar non concede privilexios. Todos os mariñeiros veteranos teñen cento e unha historias semellantes, ata o punto de chegar a mesturar ou confundir lugares e datas, cons e rumbos, barcos e homes. O mar é una inmensidade hostil na que o home aprendeu a sobrevivir para tirarlle proveito e gañar o pan. O mar é unha aventura para tantos románticos vocacionais que nin o coñecen nin teñen que vivir del. O mar é un implacable creador de traxedias. Castelao sabía de que falaba cando distinguía as viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos. Porque coñecía o espeso sabor do salitre na roupa acartonada, era quen de retratar, cun simple xogo de palabras, a fatalidade incerta que acompaña ás familias mariñeiras. A Ramón , o meu avó, gustáballe pasear a rentes do mar, pero non o achaba de menos. Chegou a vello. E tivo sorte. Porque o mar ás veces, avisa; e ás veces non. Diante do mar, non somos nada.