Parecidos razonables

JUANMA FIGUEIRO

AROUSA

AREOSO | O |

30 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

NA PELÍCULA O Padriño II vese como Michael Corleone, diante do cadáver da súa nai e mentres abraza ao seu irmán Fredo, ordena a morte deste con só unha mirada. Únicamente o ser humano é quen dun xesto tan ruin; un animal salvaxe non o faría nunca, pero, para o ben e para o mal, as persoas non nos parecemos ás bestas. O filme emitiuse o pasado sábado, e ao seu remate lembrei que, hai anos, mais ben poucos, as mesmas mans que apertaron as miñas para desexarme un feliz aninovo, de alí a un tempo habían de me cravar un puñal nas costas con idéntica e inesperada desenvoltura. Non quero dicir que haxa un paralelismo evidente entre ambas situacións, nin moito menos que me pareza a John Cazale ou a Al Pacino, que xa quixera, senón que, ao levar dentro a semente do mellor e do peor, ninguén está libre de cometer un erro tráxico, ou de caer no desvarío ou na traizón. Porque na maioría dos casos só é cuestión de oportunidade, e a medida que pasa o tempo, a quen nos parecemos cada vez máis é a nós mesmos. Non hai moito que aquelas mans desenvoltas aínda me regalaron unhas palmadiñas na cicatriz. Así que, por se acaso, non perdan de vista os ollos de quen lles felicite o 2005. E teñan coidado aí fóra.