VENTO DA TRAVESÍA | O |
04 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.TIVEMOS que entrar no século XXI para non discutir que os valores ambientais son principios xerais que non poden vulnerarse por actuacións sobre o medio físico. Obviamente, cando se dividiu administrativamente en concellos non se seguiu unha pauta de respeto deses valores. E ocorre que son preexistentes os espazos das mesmas características ao seu fraccionamento entre administracións locais, que predican coma sagrada a súa autonomía. Sábese que o equilibrio medioambiental é feble, que a fauna, as augas e o aire, sen seren de ninguén, son para todos e que o dano que lles acae nun lado transmítese ao outro; pero aínda resulta máis doado de entender que un mesmo espazo, de iguais características, non debera estar baixo a potestade de actuantes nel que resulten diverxentes. Na comarca do Salnés hai, entre outros, dous espazos naturais comúns: a serra de Castrove e as estribacións de seu ata o mar, e, especialmente, a chamada enseada de O Vao, con flora e fauna que non distingue de estremas entre concellos. Anoto que estes espacios están sometidos a unha evidente presión urbanizadora motivada pola propia mecánica da expansión natural da poboación pero tamén por un factor engadido: a influenza do turismo cada vez máis abocado cara á natureza e que, polo tanto, obriga a unha protección maior, como garantía de conservación e desenvolvemento, desa natureza. Parece claro que ese afortalamento debera ser igual en todo o espazo. De aí a necesidade dun órgano con personalidade e competencias; función que, indubidablemente, non cumpre a figura da mancomunidade pero que si cumpriría un órgano que respetara a comarca coma unidade natural e histórica, con capacidade de goberno en todo o común aos municipios. Aínda que o que tamén se podería facer é eliminar os concellos.