O adiviño

JUANMA FIGUEIRO

AROUSA

AREOSOS | O |

26 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

DESPOIS de que o conselleiro de Pesca vaticinara que o risco de que o fuel do Prestige entrara na ría era prácticamente inexistente, na Confraría do Grove Paco Iglesias iniciou unha folga de fame (iso era o que traía a marea, fame) cando o chapapote xa nos entraba ata a cociña. Aquel berro de anguria, para desvergonza do conselleiro e de algúns ineptos máis, escoitouse en todo o mundo. E o mundo enteiro contemplou como, para cumprir o augurio do señor López Veiga, a xente do mar tivo que saír á desesperada para deter a marea negra na mesma boca da ría. Con tixolas. Con caldeiros. Coas mans. A semana pasada o conselleiro (que non terá boa conciencia, pero si boa memoria) visitou a sede grovense do seu partido. Alí foi a parolar sobre asuntos da súa i-rresponsabilidade e, «xa que estamos aquí», pasar factura polo ridículo sufrido, aproveitando que os parroquianos estaban dispostos a rirlle as gracias e os «carallos». Porque cando un político da Xunta di «carallo» hai que rir con devoción e mansedume, e pensar: «Canta razón ten, señor conselleiro. Rappel, ao seu lado, ¡un afeccionado!».