«Di$marga»

JUANMA FIGUEIRO

AROUSA

AREOSO | O |

22 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Os símbolos, como as menciñas, non se poden deixar ao alcance dos nenos e o seu uso pode provocar efectos secundarios; non convén abusar deles. Para os grovenses a Festa do Marisco non é só un símbolo do seu ancestral vencello co mar ou da súa proxección turística; é moito máis. Para mal ou para ben, a festa forma parte da identidade local, como a industria conserveira ou a procesión do Carme, como o monte da Siradella ou a lenda do Meco. Non é en van que os grovenses, no día grande, vistamos aos cativos co traxe tradicional. Non é azar o desdén que adicamos a outras festas de pretensións gastronómicas (a dos chícharos ou a das patacas ca tona, que non sei nin se existen, pero non é imposible), que nos parecen intentos de emulación abondo ridículos. Se outra vila organiza unha versión da festa, rosmamos polo baixo. Se coincide nas mesmas datas que a nosa, empezamos a indignarnos. Se esto é obra dun fillo do Grove, berramos ¡traizón! O 12 de outubro El Norte de Castilla publicaba unha reportaxe sobre as «Jornadas Gastronómicas del Marisco» de Valladolid. Entre os presentes achábase un membro do goberno castelán ca súa familia, «que todos los años por estas fechas se acercan a O Grove». ¿Empezarán os turistas a quedarse polo camiño de Castela? Atentos. En Cousas da vida , Castelao debuxa a un labrego dirixíndose ao cacique: «Vostede terá moito dereito, pero eu teño moita razón». Pois eso.