VENTO DA TRAVESÍA | O |
02 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.RESULTA imposible non falar da asombrosa actualidade política, así que seguirei no tema no que anda encerellado o PP, anque neste momento xa non podo estar seguro de si esta «rebelión» dos da boina é de verdade, obedece a un acordo entre militantes populares ou está deseñada polo propio Presidente fundador. No que se refire á comarca do Salnés hai que dicir dúas cousas. A primeira, que non temos ningún actor principal nunha facción ou noutra e a segunda, ou a mesma, que esta nosa zona, a pesar do seu empuxe económico, da súa poboación e do número de votos, non dispón dun líder con influencia real na toma de decisións. Os cargos públicos do PP de por aquí carecen de peso e actúan coma simples correas de transmisión das decisións partidarias ou administrativas tomadas en Santiago; non teñen voz de seu. Houbo tempos nos que non era así, pero, non sei moi ben por qué razón, a ocupación de cargos por medianías levounos a esta ausencia de poder real. Hai quen entende que esta situación esta paliada porque en Pedras Negras e en A Toxa teñen casa Xosé Luis Baltar, Xosé Cuiña e Francisco Cacharro, os principais actores deste pseudo lío, anque o compromiso deles connosco non vaia máis alá do de outro turista calquera, por moitas obras que recomenden. Esta ausencia de persoeiros con firma no DOGA é, xa, vox populi. Non quixera ir eu contra o que afirma o pobo pero digo que tal crenza reflexa a pervivencia do espíritu caciquil e a lamentable desconfianza na ideoloxía política. O caciquismo rexeita ideoloxías e so ten fe cega no poder, de xeito que sirve só para dispor, permanentemente, dun cacho do pastel; e o revés da moeda está nos que exercen o goberno para apoiar aos seus e negarlle o aire ao que discrepa. Así que podo afirmar e afirmo que os cargos do PP na comarca, que andan caladiños, non están polo caciquismo. ¿A que non?