Preguntas, non respostas

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

25 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

NESTES días de batifondo político hai cousas que preguntar. Gustaríame que alguén me respondese se prefería que o presidente do Goberno español fóse á Asemblea Xeral da ONU e, en vez de buscar camiños para a paz, falase de que a solución dos problemas é a guerra. Sempre hai que elixir entre unha postura ou outra: ¿Cál delas preferimos? Tamén tería interese escoitar explicacións da actual, se así se pode chamar, crise galega do PP. Por poñer: ¿E logo un partido elixe ó candidato ou designánllelo? As formas son as formas e, xa se sabe, hai que selo e parecelo. Tampouco está de máis lembrar o escándalo trapalleiro, político e mediático, que algúns quixeren ver noutros partidos que votan aos candidatos de seu: ¿Vostede preferiría militar nun partido que vota aos cargos ou noutro que os impón?. ¿Considera que a loita polos cargos dentro dunha organización faina débil e resulta disgregadora? De moitísimo interese para os escépticos sería coñecer se a posible, se cadra non probable, ou, mellor, de pouco futuro i enganosa, secesión, en todo caso seguramente temporal, do Partido Popular ourensán é unha cuestión ideolóxica: ¿Qué novo deseño social, económico e nacional se pretende facer desde Ourense? Por favor, que ninguén conteste que é cousa dun conselleiro máis ou menos ou de parte dun pastel, ou un trasfondo de que os votos son deste ou daquel, porque, anque xa se sabe que o sistema cacico-electoral está vixente, admitir algo disto sería depositar tódalas simpatías en don Manuel porque estaría a ser un adaíl da democracia. Resulta forzoso recoñecer, porque é así, a capacidade intelectual e os coñecementos de don Manuel Fraga Iribarne: ¿Que sabe el que non saibamos? ¿Que cala que non di? ¿Por que e para que quere seguir?