?on moito pesar, a directiva do Club de Remo Amegrove Remagro vén de renunciar á súa participación na fase de promoción de ascenso á Liga ACT. O motivo, como soe acontecer nestes casos, a falta do respaldo económico suficiente para afrontar o elevado custe dun hipotético salto á competición raíña do remo español. O secretario do club grovense, Alexandre Aguín, explicou onte que «para competir na ACT precisaríamos un terceiro patrocinador forte. Buscámolo entre varias empresas, pero non o demos atopado. Por iso, decidimos optar por non ir sequera á fase de ascenso. Tanto os remeiros coma nós tiñamos ilusión por ir, pero ao non ter opcións de subir, non paga a pena que vaiamos para nada». O directivo do Amegrove recoñeceu que a decepcionante actuación da traíña do club na previa da Regata de la Concha de San Sebastián (foi 15ª) tamén influíu, e moito, á hora de tirar a toalla: «Se tivesemos rematado por riba de varios equipos da ACT ao mellor pensaríamos en correr o risco económico do ascenso. Pero vendo tantas embarcacións por diante de nós e os atrancos para atopar un patrocinador, preferimos quedar onde estamos, na Liga Galega», da que son vixentes subcampeóns. Deste xeito, Amegrove puxo fin á tempada.