VENTO DA TRAVESÍA | O |
19 jun 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O DEBATE sobre a relación Home-Natureza é vello. Hoxe domina a postura de que os valores naturais son valores por si mesmos e non en función do home. Sen embargo, hai casos nos que a actividade humana axuda á Natureza e á pervivencia de especies; seguramente porque o xeito de vivir tradicional do home precisa do entorno. Hai uns días estiven na aldea de Vilavella do Concello de Triacastela; alí, marcando a estrema entre dúas leiras, hai tres castiñeiros duns dous mil anos. Non viven nun parque público, nin rodeados de ningún valo, carecen de calquera protección e son propiedade privada. Están entre as árbores máis antigas de Galicia e testemuñan toda a nosa Historia nun lugar de paso secular como é o Camiño de Santiago. Sobreviviron a guerras, a terremotos, a incendios; deberon oír toda clase de idiomas e, con certeza, contemplaron escenas de morte, de amor, de odio, de indiferencias, de tristuras e de alegrías. ¿Por que permanecen? Pois moi simple, moi fácil: porque non os tronzaron. Evidentemente un castiñeiro cun diámetro de máis de dous metros tivo que ser cobizado, por exemplo, por tódolos carpinteiros da redonda que, mil veces, matinarían en facer mobles rotundos. Para esa supervivencia aposto por dúas razóns; a primeira que son árbores froiteiras e que, polo tanto, serviron de fonte alimenticia secular, xa que a castaña foi alimento básico da poboación galega. A segunda razón, a que máis me chamou a atención, está en que, unha vez formado un tronco robusto, dunha altura duns tres metros, os propietarios foron podando soamente as grandes ramas. De alí saíu a madeira que fixo falta: vigas, chedeiros, bancos, cadeiras, pero sempre mantendo a árbore viva. Por certo, a día de hoxe, ninguén as protexe nin figuran en catálogo algún.