AREOSO | O |
13 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O INVERNO pasado estiven na República Dominicana disfrutando dun complexo turístico que un grupo español explota no lugar. Paseando por unha praia, fermosa e abraiante -recordábame á Lanzada- tiven a ocasión de falar cun nativo dunha aldea colindante do resort. El explicoume o modelo turístico da súa illa, onde existen guetos turísticos, búnquers que teñen vedado o acceso aos nativos, que explotan os recursos turísticos sen máis contrapartida que algúns postos de traballo dentro dos escalafóns máis baixos da empresa. Eses complexos artificiais, alleos á cultura local e especializados no turismo de masas, caracterízanse pola súa pouca fidelidade coa zona e non teñen ningún problema á hora de cambiarse de lugar se lles resulta máis rendible. Ao seu lado viven os indíxenas, alleos ao fenómento turístico, adicándose á pesca dun froito que ás veces consiguen vender no resort. E pouco máis, porque os demais productos son traídos da metrópoli. A súa meirande aspiración é chegar a obter un traballo nesas fábrica de soños nas que os postos directivos están reservados a chicos JASP vidos do continente. Comentábame aquel rapaz a envexa que sentía dos galegos e dos europeos en xeral. Supuña que na miña terra temos un modelo turístico vertebrador, no que as infraestructuras turísticas (campos de golf, portos deportivos...) son parte integrada da economía e da sociedade local. No que as Pemes teñen unha grande importancia. No que se aposta pola autenticidade das vilas mariñeiras e das súas paisaxes, únicas no mundo. No que, conscientes das demandas actuais, os xestores públicos amosan unha sensibilidade especial para conseguir un turismo de calidade e un espacio de benestar para a comunidade local.