O pintor e escritor arousán Xurxo Alonso analiza algúns dos aspectos máis curiosos dos textos editados
22 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Un día coma hoxe morreu Cervantes. Un día coma hoxe ocurreuselle o de morrer -sempre xenial o inglés- a Shakespeare. E digo o de xenial porque ese día estaba de aniversario. Hoxe festéxase o Día do Libro e o raro sería que houberan escollido outra data. Antes que a lectura fora un acto silencioso, era oral, era un «escoitar ler», como nos dí o mesmo Cervantes ao titularen o capítulo 66 da segunda parte do Quixote «Que trata de lo que verá el que lo leyere o lo oirá el que lo escuchare leer». Para que chegara a ser unha práctica estendida e a sociedade se alfabetizara, houbo que esperar ao Gutenberg, un ourive experto en cuñar moedas e coñecedor dunha forma de estampar utilizada en China e Corea. Foi o inventor da imprenta, ou ben estimulado polas novas do que estaba a ocorrer en Oriente ou tal vez influenciado polas prensas de uva da súa Renania natal. O éxito da imprenta foi inmediato en media Europa. A inauguración da estatua de Gutenberg en Maguncia, co gallo da celebración do cuarto centenario do invento, víuse acompañada de afervoadas celebracións, xantares, bailes, oratorios, regatas, procesións de fachos. «¡Por Gutenberg!» rezaba o brindis con innumerables copas de viño do Rhin. Era o mesmo viño cuxas cepas haberían de traer tempo despois monxes alemáns para plantalas en terras de Cambados e desa fusión verían a luz as cepas albariñas; uns monxes que non se deron tanta dilixencia en traer a imprenta a Galicia, quizais por medo a infrinxiren o Index librorum prohibitum , os libros prohibidos que, segundo o Papa, poñían en perigo a fé ou a moral. Paradoxa: a Igrexa, valéndose da imprenta tentou de loitar contra ela. «¡Oh, imprenta! ¡Canto tes turbado a paz da humanidade!», escibeu o poeta inglés Andrew Marvell en 1672. A súa expansión tamén tivo enimigos dabondo; os copistas e escribas de manuscritos que vían ameazado o seu traballo pola nova tecnoloxía, os clérigos que consideraban que as persoas de baixa posición poderían estudar os textos sagrados por si mesmas e os gobernos, para os que a imprenta non ofrecía ningún motivo de celebración, polo espírito crítico que podía desenrolar nos seus súbditos. Nese rexeitamento da imprenta e do escrito, Shakespeare, na segunda parte de Enrique VI , e facéndose eco da crecente oposición popular á utilización da escrita, fai que o convicto Cade e os seus homes decidan matar a tódolos homes de leis e collan como primeira víctima ao escribán de Chatham. Todo provén dun rexeitamento da escrita porque é a que leva as decisións da xustiza e él é un condenado ao que lle mancaron a man por roubo. Outro desbotar, éste letrado, da imprenta, dase en Venecia, e é sinalado por Roger Chartier: o dominico Filippo di Strata argumenta que a imprenta é culpable: corrompe os textos polas présas e as súas erratas e corrompe os espíritos «difundindo textos inmorais e heterodoxos», de aí a observación inapelable «est virgo hec penna, meretrix est stampificata -a pluma é unha virxe, a imprenta, unha puta-». É evidente que un libro só cumpre a súa función cando é lido, pero máis a cotío do imaxinado careceu dese destino pois ás veces utilizábanse as biblias para curar como almofadas ou como apoio para os pés cansos. Durante o século XIX, ante o evidente deterioro dos libros en España, o nese intre ministro de Fomento, Manuel Ruiz Zorrilla, lanzou un decreto con ánimo disuasorio onde entre outros escándalos, sinalaba: «os códices que serviron a Cisneros para a Biblia complutense empregáronse en facer petardos e foguetes para unha función de xogos de artificio».