AREOSO | O |
08 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.DATO número 1: durante o coloquio entre profesionais do teatro organizado pola asociación cultural Enxebre con motivo do seu décimo aniversario o pasado verán, os participantes no acto estrañánbanse de que unha vila como O Grove non contase cun auditorio de seu. Entre o público, un recén elixido concelleiro do actual grupo de goberno, non lembro se antes ou despois de se confesar actor afeccionado, apuntou «hai outras prioridades». Dato número 2: o Concello do Grove vai cambiar a cuberta (que parece unha peneira) do pavillón de deportes para mellorar a súa acústica raquítica, de xeito que poida acoller concertos e outros espectáculos. Cruzando ambos datos dedúcese unha obviedade que nace da consideración social que recibe a cultura. Mentres a práctica do deporte se considera un dereito e por iso a Administración ten como obriga a construcción de infraestructuras e a subvención aos clubes, a actividade cultural percíbese como privilexio ou reclamo turístico. Das mil persoas que nos manifestamos no Grove para pedir piscina, ¿cantas sairían á rúa para esixir un auditorio? Ás desmoralizadas entidades culturais mecas quédalles o recurso ao pataleo e á casa de cultura; un edificio que, a forza de querer que servise para todo, conseguíuse que non serva para nada. Apañados vamos.