Entender, enténdese

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

28 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

UN leva uns vinte anos esbardallando en diversas publicacións descontra o que agora se chama, mal, feísmo urbanístico, denunciando a destrucción da paisaxe, do entorno e o uso do chan especulativos. Neste tempo seguiume, alomenos, un lector fiel que me discutiu cada cousa que fun escribindo porque no fondo el pensaba aquelo de «Eu, no meu, fago o que quero». Fai uns días chegou onda min e díxome: «Tiñas razón; acabo de ler a Álvarez Corbacho en La Voz e agora entendo por qué hai que facer cumprir as normas urbanísticas». O profesor Álvarez Corbacho, con esa claridade coa que escribe, acababa de convencelo ó explicar que o cumprimento das normas urbanísticas, particularmente coa cesión obrigatoria de chan edificable ós Concellos, permite que estes adquiran patrimonio. O meu lector é de O Grove -podía ser de Sanxenxo ou de outro municipio costeiro- e abríronselle os ollos ó comprender que a desfeita urbanística foi, é, tamén, unha desfeita patrimonial; os municipios que non fixeron cumprir as normas acabaron empobrecéndose ó ter que dar servicios sen recibir nada, nin sequera as cesións obrigatorias de chan edificable. Hoxe andan a mendigar solares, ou a compralos, cada vez que están obrigados a facer calquera equipamento. Por pór exemplos, Sanxenxo e O Grove teñen un gran entramado urbano edificado recentemente. ¿Qué foi o que pasou para non dispor de patrimonio bastante? Pois que a irresponsabilidade das sucesivas corporacións non facendo cumprir a normativa urbanística empobreceunos. Xoaquín Álvarez Corbacho, primeiro Alcalde democrático de O Grove, no seu mandato intentou aprobar un Plan Xeral. Non lle deixaren, van alá trinta anos e aínda non o hai. Tanto tempo perdido, se cadra, sería porque el daquela tampouco se soubo explicar. Se cadra.