A música dos «Ácaros Verdes»

María Santalla VILAGARCÍA

AROUSA

Reportaxe | Entrega do premio de novela curta Lueiro Rey O Grove convertiuse onte, unha vez máis, no referente da literatura galega. A ocasión foi a entrega do premio Manuel Lueiro Rey, otorgado a Pilar Buela

31 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

?O meu desexo é que para tódolos lectores de Ácaros Verdes soe a mesma música que soou para min cando a compuxen». Así agradeceu a gañadora do certame de novela curta Manuel Lueiro Rey, Pilar Buela, este galardón. Porque, para esta escritora de recente benvida no panorama literario galego, «as palabras teñen música». E os seus acordes narrativos deberon de ser do agrado do xurado que este ano decidiu facela gañadora do certame literario grovense. Á fronte do equipo encargado de tomar tal decisión estaba Xesús Alonso Montero, quen tamén quixo onte atoparse coa autora na entrega do premio. O profesor destacou que se esta é a primeira inclusión pública desta autora na narrativa, «non é para estar descontento do eco da obra». E valorou que Ácaros Verdes supoña o primeiro achegamento da literatura galega ó corazón das mulleres que viviron, como personaxes secundarios da historia, os acontecementos do ano 45. Houbo, por suposto, moitas referencias a Lueiro Rey durante os discursos. Pilar Buela asegurou, referíndose ó autor que da nome ó galardón literario grovense, que supón para ela «un honor ter un premio que leva o nome dun loitador». E non faltou tampouco o anuncio dunha novidade literaria. Correspondeulle a Olegario Sotelo Blanco facer pública a próxima edición dun libro de contos en castelán no que haberá un relato de Lueiro. No acto de entrega deste premio quixo estar presente a familia de Lueiro. A súa viuva, Maruja Lores, participou, como xa ven sendo habitual, neste acontecemento. Ademáis, representantes de tódolos partidos políticos do Grove, encabezados polo seu alcalde, Miguel Ángel Pérez, e tamén moitos veciños da localidade, quixeron estar presentes nesta entrega de premios que se convertiu xa nun referente da vida cultural do Grove. Un certame que, en palabras do rexedor, «se vai consolidando ano tras ano».