TRIBUNA PÚBLICA | O |
20 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.SE EMPREGO un símil futbolístico supoño que o entenderá, pois sei que vostede practicou este deporte. Cando un equipo de fútbol está gañando só pola mínima e ten medo de perde-lo partido é normal que recorra ó vello sistema de botar balóns fóra. Esta táctica consigue didimular as carencias propias, pero aburre ao público. Nos pasados días, con motivo dos fallos xurdidos nos dous pavillóns polideportivos de Cambados as críticas e denuncias non só da oposición, senón tamén de colectivos deportivos e innumerables afeccionados foron unánimes. Pois ben, vostede, en vez de pedir escusas (ou sexa, dominar o centro do terreo de xogo), explicar por que non se fixeron as reparacións (organizar unha boa defensa), ou concretar cando se van executar definitivamente (irse ao ataque), dedícase a "botar balóns fóra". E enriba faino faltando á verdade. Abandono de edificios É absolutamente falso que o pavillón do Pombal fose mal construído. Pola contra, foi moi ben construído, e despois de case vinte anos non ten unha soa greta, ao contrario do que lle pasa a edificios feitos por gobernos do PP. Foi ben construído, pero mal atendido, o mesmo que a praza de abastos ou a casa da cultura, obras que o PP abandonou deliberadamente, nun descarado exercicio de desprestixiar ós nacionalistas. De tódolos xeitos, no BNG, pódolle dicir que non nos sentimos preocupados polos seus ataques e descualificacións. Xa hai tempo, Sr. Tourís, que vostede perdeu toda credibilidade . As súas mentiras e falsas promesas xa enchen un amplo relatorio. Prometeu que o Consello Regulador se ía instalar en Cambados, e non moveu un dedo; dixo que non ían subir os impostos, e o do lixo tivo subas de ata o 1.000%; o polígono industrial estaría funcionando no ano 2000 con mil postos de traballo, e estamos do 2004 e co paro aumentando; leva anos dicindo que na estación de autobuses funcionan tódolos servicios; que os Xogos Europeos do Viño foron un éxito, etc. Tamén leva anos dicindo que o pavillón do Pombal se vai arranxar, pero isto vai ser coma o conto do lobo, cando sexa verdade, ninguén o vai crer.