Artigo 3.2

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

11 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

UN DECRETO de Maio de 1975 autorizou por primeira vez a incorporación do que nel se chamaron as «linguas nativas» ós programas dos Centros de Educación Preescolar e Xeral Básica. O 31 de Outubro do mesmo ano publicouse o Decreto 2929 que regulou o uso das que xa chamaba «linguas rexionais da Nación española». Tres anos despois apróbase a Constitución que, no parágrafo 2 do seu artigo 3, di que «as demais linguas españolas tamén serán oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos». O Estatuto de Autonomía de Galicia, de 1981, no seu artigo 5.2, di que «os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar». A Lei de Normalización Lingüística, de 1983, no artigo 1, dicía que os galegos teñen o deber de coñecelo galego. O Tribunal Constitucional en sentencia do seu Pleno de 26 de Xuño de 1986, en recurso promovido polo Presidente do Goberno, declarou inconstitucional que se fixase o deber de coñecelo galego porque a Constitución soamente impón tal deber para o castelán. Este Alto Tribunal deixou un canle aberto insinuando que si ese deber de coñecemento do galego se lexisla coma un deber social colectivo dos galegos e se ese deber se dirixe ós poderes públicos autonómicos, sería constitucional; pero o Parlamento de Galicia non fixo ningunha modificación de tal Lei, nin en tal senso, nin para mellorar a súa falta de concreción xeral. Así pois, nin a Constitución Española, nin o Estatuto, nin a Lei de Normalización Lingüística poñen en pe de igualdade ós dous idiomas oficiais. Esta regulación deficiente, a constatación do uso maioritario do galego nas zonas urbanas e a progresiva urbanización da poboación, e outras causas das que xa temos falado, están volvendo a pór nunha situación difícil ó idioma galego.